Nace En Común, un espazo de esquerda transversal

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Enrique León, Susana Camiño, Fernando Quintela, Mari Carmen Prieto, Juan Fajardo, Santiago Garrido ou Gaspar González apadriñan unha candidatura que estará liderada por Suso López

09 feb 2019 . Actualizado a las 19:11 h.

Descartada a súa alianza con Podemos e Anova, a xente de Esquerda Unida e Somos Maioría prometía sorpresas na presentación do seu novo proxecto electoral, alleo xa a Marea da Vila. Compromiso cumprido. Esta mañá, na sala de conferencias do auditorio, deuse cita un heteroxéneo grupo de persoas cun denominador común: a súa traxectoria en diferentes formacións da esquerda de Vilagarcía. Antigos militantes do PSOE que no seu día tiveron peso específico, como Mari Carmen Prieto, exconcelleiros como Fernando Quintela ou Susana Camiño, mesmo un exalcalde, Enrique León, apadriñan o nacemento dun espazo con vocación transversal, En Común, e o seu candidato, Suso López.

Máis aló da obvia representación de EU ?Juan Fajardo é outro dos seus impulsores? o novo proxecto conta cun importante ingrediente nacionalista da man de organizacións que xurdiron no seu intre das sucesivas fendas do BNG. Presentou o acto Gaspar González Somoza, chamado a desenvolver un papel sobranceiro na candidatura. Non é casualidade que no auditorio estivesen os dous integrantes do grupo municipal de Somos Cambados, Tino Cordal e Xurxo Charlín, como tamén Enrique Oubiña, de Somos Ribadumia, e Elena Cores, de Somos Vilanova. Dalgún xeito, En Común é o reflexo en Vilagarcía das súas mesmas propostas.

Gaspar González reivindicou o exercicio orixinario da política coma arte de ordenación das cidades e dos seus habitantes. Susana Camiño propuxo un espazo para que a xente teña onde acudir. E Suso López, pechando este acto inaugural, convidou a todo quen queira traballar para a construción dunha «vila máis xusta dende o social» a sumarse a un proxecto que procurará facer bo o seu lema: Xente coma ti.