A tranquilidade de quen roda máis por vello, que por diaño

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

César Veloso iniciará o domingo a súa sétima tempada na estrutura do W52 con algo de peso de máis tras recuperar antigos hábitos

19 sep 2019 . Actualizado a las 21:59 h.

Un ano atrás, Gustavo César Veloso arrincaba o curso 2018 na Volta ao Algarve cun físico inusualmente fino. Habituado a andar nuns 75 quilos ao termo das pretempadas, o vilagarcián chegaba á súa primeira cita competitiva con 72 de peso. O durísimo golpe de verse apeado da pelexa pola xeral da Volta a Portugal 2017 por unha pájara na penúltima etapa, e a extraordinaria fortaleza despregada polo seu compañeiro de filas e ata entón teórico lugartenente no W52-F.C. Porto, o alacantino Raúl Alarcón, levaron o de Bamio a variar o seu habitual esquema de traballo invernal, reducindo as horas na piscina e de carreira a pé, e aumentando as que pasaba na bicicleta. Cun tipo ao nivel do ano do seu triunfo na xeral da Volta a Cataluña do 2008, confiaba en elevar o seu rendemento, programando dous picos de forma. Un troco de preparación acompañado dunha dieta máis estrita, que se acabaría probando irrelevante. Un novo mal día na Grandíssima impedíulle a Veloso o pasado verán destronar a Alarcón, pasando a converterse no seu fiel escudeiro de luxo. 

Unha década despois daquela vitoria na xeral da Volta a Cataluña, camiño dos dez anos da súa fazaña naquela xa mítica etapa da Volta a España con final en Xorret de Catí, Gustavo César Veloso decidíu desta volta «comezar tranquilo». Chegando este domingo á súa primeira carreira do 2019, a Prova de Abertura Região de Aveiro, con 75 quilos. Seis máis cos que precisa baixar á altura da Volta a Portugal, e, confesa, uns centos de gramos por enriba do que soía ser habitual nel antes da aposta do 2018.

«Fun un pouquiño máis lento do normal. Por situacións de saúde, e de mal tempo», conta Gustavo, que engade, franco como el é, que «os anos comézanse a notar -o 29 de xaneiro cumpríu 39-. Custa máis poñerse en forma». ¿E que cambia iso de cara ao seu rendemento e ás súas aspiracións neste 2019? Pois francamente, nada de partida.

O arousán lembra que, pese a traballar a tempada pasada pensando en dous picos de forma, e en rendabilizar a súa draconiana pretempada na Volta a Portugal, no 2018 «tiven un pico constante, e non sei se me faltou frescura na Volta a Portugal».

Con 17 tempadas como profesional nas pernas, e extraída a lección do experimento do ano anterior, Veloso declara coa mesma confianza en si mesmo de sempre que «quero chegar ao 100 % á Volta a Portugal; logo a estrada porá a cada un no seu sitio». Sempre coas ideas claras: «A ver se son quen de recuperar o meu nivel doutros anos, e sobre todo, a regularidade. Se Raúl -Alarcón- está ao nivel dos seus dous últimos anos, será o gran favorito».

Con 39 anos a Veloso aplícaselle aquilo do diaño que sabe máis por vello que por diaño. Unha experiencia á que suma a ilusión renovada de volver á categoría continental profesional, a segunda das tres do pelotón profesional internacional, tras o salto á mesma do W52-F.C. Porto. Un cambio que posibilitou a presenza da escadra lusa na Volta a Valencia esta semana, con sete dos 16 integrantes do seu cadro de persoal participando nela con Raúl Alarcón á fronte.

As baixas de Jose Neves (Burgos BH) e de Daniel Freitas (Miranda Mortagua) foron compensadas con creces coas fichaxes de Daniel Mestre (Efapel), de Edgar Pinto (L.A.) e co regreso de Joaquím Silva e de Rafael Reis do Caja Rural; fichaxes aos que se suman os novos valores do ciclismo portugués Jorge Magalhães e Francisco Campos.

Con molestias na zona das costelas por un pequeno accidente doméstico, Gustavo arrincará o domingo pendente de coñecer os carteis dos seus primeiros compromisos de renome fóra da Península Ibérica aos que a mellora de categoría lle dará acceso ao W52-F.C. Porto.