Luar na Lubre, en Vilagarcía

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

A banda que lidera Bieito Romero presentará o día 11 de outubro o seu disco «Ribeira Sacra»

02 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi aló polo mes de outubro do ano pasado cando os de Luar na Lubre metéronse no mosteiro de San Pedro de Rocas para gravar «Ribeira sacra», un traballo que xa se ve ben no título por onde vai a súa homenaxe e que conta na súa lista de colaboradores con xente como Ses , Víctor Manuel, a Coral de Ruada ou Nani García entre moitos outros.

O traballo recolle nas súas letras a personaxes de lenda coma os Felos de Maceda e outros que levan camiño de selo, como Romasanta, ademais de textos en barallote, a lingua que falaban os afiadores. Nada menos que 26 temas «que proveñen de composicións propias, música tradicional e melodías que van lembrar e remarcar todo o patrimonio que temos na Ribeira Sacra», en palabras de Bieito Romero, líder da banda de folk.

Luar Na Lubre foi premiada en numerosas ocasións con recoñecementos tanto a nivel galego e local, como a nivel estatal, con nove Premios da Música concedidos pola «Academia de las Artes y de la Música» ou cos dous discos de ouro por dous dos seus traballos ao superar as 50.000 copias vendidas en cada un de eles.

En Vilagarcía, a data fixada para o seu concerto é o día 11 de outubro, ás 20.30 no auditorio. O prezo das entradas vai dos 12 aos 18 euros.