Cal é a potencialidade do compost natural no cultivo dos tomates?

La Voz VALGA

VALGA

O Concello de Valga e a Misión Biolóxica buscan a resposta a través dun estudo que toma mostras, tamén, do cultivo da leituga, a xudía e o trigo

07 ago 2023 . Actualizado a las 16:06 h.

Cal é o rendemento do compost urbano fronte aos fertilizantes químicos á hora de abonar a horta? Atopar a resposta a esta pregunta é o obxectivo do estudo promovido polo Concello de Valga e a Misión Biolóxica de Galicia para analizar a potencialidade agrícola do compost producido no municipio. Nestas semanas estase a apañar a colleita de tomates, un dos catro cultivos que se plantaron. A recollida realízase con periodicidade semanal e tómanse datos coma o número de pezas e o seu peso, unha valoración do aspecto, indicando cales poderían ter valor comercial e se hai froitos enfermos ou cun crecemento defectuoso, segundo informa o Concello.

Con anterioridade xa tivera lugar a recolleita de leitugas. A análise desta planta realizouse de maneira diferente, retirando un número determinado de follas en función do tamaño das cabezas que se enviaron aos laboratorios do CSIC para deshidratalas e analizalas. A seguinte especie en dar froitos será a xudía e, por último, farase a colleita do trigo.

Para realizar o estudo elixíronse estes catro cultivos por ser representativos da horticultura da zona. Na plantación, que foi realizada por alumnado do ciclo de Agroxardinería e composicións florais do IES de Valga, empregáronse dous tipos de abono para comparar os resultados: compost natural producido no composteiro comunitario do colexio Baño-Xanza e compost comercial. O experimento complétase cunha segunda plantación na finca que a Misión Biolóxica de Galicia ten en Salcedo (Pontevedra), o que permitirá comparar resultados tamén en función dos diferentes tipos de terreo.

Estes ensaios repetirase no ano 2024 e os datos obtidos empregaranse na redacción dun informe que se publicará nunha revista especializada.

O obxectivo deste estudo é por en valor as potencialidades do compost urbano para uso agrícola fronte aos fertilizantes inorgánicos ou químicos, avanzando cara un sistema produtivo máis sostible e con menor impacto no medio ambiente. «Trátase de demostrar que o compost natural é válido e óptimo e que non ten repercusións negativas ou indesexadas sobre os cultivos ou sobre o solo, de maneira que poida chegar a comercializarse e a empregarse en plantacións agrícolas de forma regular», explican desde o Concello.

Para o desenvolvemento desta iniciativa, o Concello de Valga e a Misión Biolóxica de Galicia asinaron un convenio de colaboración que se enmarca no proxecto internacional Dromamed, de promoción de sistemas agrícolas innovadores.