Conceptos para construir a igualdade

O Concello de Valga organiza charlas sobre linguaxe igualitaria ou o ocultamento da muller nos relatos históricos e públicos


Quizais fose a violencia machista máis descarnada -os asasinatos constantes, as violacións, os golpes trala porta pechada da casa- o que puxo en marcha esa onda de feminismo que está a sacudir os alicerces dunha sociedade que lle segue a negar a muller o espazo que lle corresponde. Quizais fose o esgotamento das mulleres que teñen que dar máis na súa vida profesional para poder chegar ao mesmo lugar que compañeiros que dan menos. Quizais, esa sobrecarga mental de quen creu no mito da súper muller que se mantén en forma, é unha nai que cociña pasteis e, ademáis, acada as máis altas cotas de prestixio profesional.

Sexan cales foran as razóns que nos levaron ata onde nos atopamos, o certo é que estamos inmersos nunha «corrente social que está poñendo en primeiro plano á muller e a súa loita para eliminar as desigualdades que arrastra historicamente», segundo di o Concello de Valga na presentación do programa de actos organizado por mor do 8M.

Un programa no que hai espazo para unha manchea de actos. Comezando polo ciclo de charlas «Muller e igualdade» que se desenvolverá todos os luns do mes de marzo na aula CeMIT, no que se abordarán cuestións coma a linguaxe igualitaria, o empoderamento ou a historia feita por mulleres. «Resulta importante coñecer algúns conceptos básicos que permitan reflexionar sobre a igualdade entre as mulleres e os homes en distintos ámbitos e sobre as claves para ofrecer unha educación que sustente unha sociedade igualitaria», di o Concello.

Pero haberá máis citas. O domingo 8 terá lugar o acto central coa homenaxe a valguesas profesionais das ciencias da saúde. Mulleres dedicadas á medicina, enfermería, farmacia, nutrición, odontoloxía, psicoloxía e outras profesións relacionada serán as protagonistas deste recoñecemento que se celebrará no Auditorio Municipal.

Outra das actividades organizadas pola Concellería de Igualdade é a «Conversa entre Mulleres», unha iniciativa de formación e empoderamento feminino financiada a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Terá lugar no Auditorio o luns, día 9, a partir das seis e media da tarde e a temática a tratar desta volta será a «Recuperación do chan pélvico e tonificación abdominal», coa participación dunha especialista.

Unha cociñeira na elite

A programación prolongarase ata finais de mes. O luns día 30 Lucía Freitas, chef do restaurante compostelán A Tafona cunha estrela Michelin, participará nunha conferencia con alumnado do IES de Valga, no marco da campaña «Nin + nin -, iguais», da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Conceptos para construir a igualdade