O Ribadumia cae á beira do título

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Xoán A. Soler

Tras unha gran noite os de Carro só perderon co líder da Liga nos penaltis

11 oct 2018 . Actualizado a las 00:48 h.

Os penaltis. ¡Malditos penaltis! Os lanzamentos de once metros privaron na noite de onte no estadio santiagués de San Lázaro o Ribadumia do título de campión da fase galega da Copa RFEF (Federación). A quenda de penaltis que tras un 2-2 ao final dos 90 minutos do tempo regulamentario lle sorríu ao líder da Liga de Terceira, o Bergantiños, que segue sen coñecer a derrota en partido oficial na presente tempada, contando os seus sete encontros do campionato da regularidade por vitorias. O punto a once metros da portería foi o que lle permitíu ao cadro de Carballo anular no minuto 58 o tanto co que Hugo Soto adiantara os de Luis Carro na primeira metade, e tamén o que menos de dous minutos despois do 1-1 lle resultou esquivo ao conxunto aurinegro, co porteiro rival, Bugy, adiviñándolle as intencións a Miguel Vázquez na súa execución da pena máxima coa que o colexiado do encontro castigou o derribo dun central do Bergantiños a un inspirado Hugo Soto en liña de fondo. Unha final con espectáculo ata o remate, con dous goles máis na media hora da prórroga que Cañi semellaba encamiñar no minuto 94, para toparse coa correspondente réplica de Mota, home de refresco como o segundo goleador do equipo coruñés, xa no 112. Cun 3-2 na quenda de penaltis, sen necesidade do último lanzamento do Bergantiños, solventouse a pelexa polo premio dun posto na fase estatal da Copa RFEF e os 3.005 euros para o gañador na noite de onte.

O certo é que o Ribadumia puido ter encauzado o triunfo nunha primeira parte na que lle impartíu ao Bergantiños unha lección de fútbol combinativo e con chegada á área rival diante dun adversario completamente superado. Maxisterio que, para desgraza dos de Luis Carro, tan só se víu reflectido no marcador co tanto que no minuto 32 asinaba Hugo Soto, ao prolongar cunha fermosa vaselina un balón alto en profundidade no bote por enriba do lateral, e ante a saída do porteiro contrario. A presión dos puntas do Bergantiños, Ekedi e Rubén Rivera, que tivo a única do seu equipo antes do descanso nunha falta que botou ás mans de Pazos, resultou inútil ante o excelente manexo do balón do Ribadumia.

Na reanudación Cheri tivo o 2-0 asistido por Hugo Soto nunha grande acción combinativa do colectivo aurinegro; pero libre de marca á altura do punto de penalti, fixo o máis difícil ao mandar o coiro ao ceo. Pouco despois Alberto derribaba a Ekedi na área ribadumiense, e este transformaba o penalti. O erro case inmediato de Miguel na outra punta do campo acelerou o desgaste mental dun Ribadumia que comezou pagar a súa extraordinaria posta en escena da primeira parte, que os homes de refresco da calidade de Jorge Sáez, de Cañi e de Cano nun Bergantiños con moitos menos suplentes de saída cós de Carro axudaron a profundizar. O Ribadumia nunca deixou que o seu rival fose superior, contrarrestando na prórroga un erro nunha contra, para caer na tómbola dos penaltis.

O adestrador do cadro do Salnés, o vilanovés Luis Carro, declarou ao termo da final que «a nosa idea era vir xogar a gañar ou a perder sendo nós, e creo que iso o conseguimos. Saímos reforzados».

FICHA:

BERGANTIÑOS (2): Bugui, Rubén, Aarón, Baleato, Marcos, Granada, Losada (Jorge Sáez, min 63), Toni, Rubén Rivera, Ekedi (Cañi, min 73) y Álex (Cano, min 84)

C.D. RIBADUMIA (2): Roberto Pazos, Santi, Alberto (Fran Matos, min 67), Miguel Vázquez, Bugallo, Óscar, Cheri (Manu, min 73), Monchito, Hugo Soto, Gabi y Rodri (Teti, min 73)

Goles: 0-1, min 32: Hugo Soto. 1-1, min 58: Ekedi (de penalti). 2-1, min 94 (4 da prórroga): Cañi. 2-2, min 112 (22 da prórroga): Mota.

Árbitro e tarxetas: Gustavo Vidal Fonseca (Santiago). Amonestou a Marcos, a Toni e a Rubén Rivera, polo Bergantiños, e a Alberto e a Bugallo, polo Ribadumia.