A conselleira do Mar, nova embaixadora da confraría do Centolo Larpeiro no Grove

leticia castro O GROVE / LA VOZ

O GROVE

Leticia Castro

O nomeamento produciuse na cea do Congreso Europeo de Confrarías e Asociacións Enogastronómicas que reúne a 350 persoas de sete países

30 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Grove converteuse esta fin de semana en capital europea das confrarías gastronómicas, coa centola como protagonista grazas á celebración do vixésimo segundo Congreso Europeo de Confrarías e Asociacións Enogastronómicas, unha cita que conseguíu reunir na localidade arousá a máis de 350 persoas de distintos países do continente e que serviu, ademais, para nomear a conselleira do Mar, Marta Villaverde coma nova embaixadora do Centolo Larpeiro, o colectivo anfitrión desta cita culinaria internacional.

O recoñecemento de Villaverde súmase a unha longa lista de personalidades que xa dispoñen desta distinción, sinal de compromiso coa gastronomía, o mar e a posta en valor dos produtos locais. A conselleira foi galardoada no transcurso da cea de gala do congreso, celebrada na Atlántida, e gabou «o extraordinario labor do colectivo anfitrión en prol da defensa, a promoción e a divulgación do peixe e marisco da zona», sinalou, «un compromiso que compartimos desde a Xunta, así como a paixón polo mar, o respecto pola tradición e o entusiasmo por promover os produtos máis auténticos que saen das nosas rías», subliñou.

A conselleira insistiu en que a actividade económica que xera a centola —que onte foi protagonista indiscutible sobre o prato— «converte O Grove nun destino de referencia en Europa, pero tamén nun destino turístico integral». Quedou patente na velada do sábado, á que tampouco faltaron os deputados provinciais e varios rexedores do Salnés.

Leticia Castro

A relevancia desta cita tamén foi remarcada polo alcalde da localidade, José Cacabelos, que no mesmo senso que a responsable autonómica asegurou que «O Grove se consolida coma un destino turístico gastronómico, tamén no inverno». Así o expresaba o rexedor socialista na presentación do acto o pasado venres, satisfeito con este tipo de actividades que conseguen novamente desestacionalizar o turismo. Diso dá conta ese numeroso público, que gozou dunha cálida benvida no Casino de A Toxa, e gozou, pese a unhas condicións meteorolóxicas pouco favorables, das virtudes que a paisaxe do municipio ten para ofrecerlles.

A vila contou, así, con confrades chegados dende España, Portugal, Italia, Francia, Bélxica, Grecia e incluso a Guaiana Francesa, país este, que este sábado fixo irmandade coa localidade meca.

O Congreso de Confrarías eríxese, pois, coma unha actividade de gran impacto para o sector turístico local, xa que o cen por cen dos asistentes atópanse aloxados no municipio, consumen nos locais de restauración e gozan dos atractivos que a vila ten para ofrecerlles. Neste senso, destacaba o rexedor grovense que é relevante non só en canto a poñer O Grove no mapa, senón tamén para subliñar a capacidade que ten a localidade para acoller eventos desta clase na última fin de semana de novembro.

A cita arrincou a primeira hora do sábado no auditorio municipal, en presenza do presidente de CEUCO, Carlos Martín Cosme, e do titular do comité organizado, Víctor Otero, así coma do alcalde, que recibou o bastón de mando que cada ano se entrega á vila que acolle a reunión. Xa pola tarde, e tendo en conta que se trata dun importante evento onde o que prima é o alimento, levouse a cabo unha exposición de produtos agroalimentarios de calidade, das diferentes rexións europeas alí representadas. Tras tres días de actividade, a Confraría do Centolo Larpeiro pon fin á cita máis importante das que se celebran na tempada.