Preto de 300 bikers abrirán a Copa Galicia XCO o domingo na Armenteira

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

MEIS

Lara Lois, durante a súa participación no Campionato de Europa de XCO.
Lara Lois, durante a súa participación no Campionato de Europa de XCO. RFEC

A grovense Lara Lois parte coma favorita na categoria elite feminina

21 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A Copa Galicia XCO (cross country olímpico), a única modalidade de ciclismo de montaña incluída no programa dos Xogos Olímpicos, arrincará o seu calendario 2026 este domingo no circuíto que o Club Ciclista Armenteira e Punto coida con esmero no lugar do Leixo, na parroquia de Meis que lle dá nome á entidade deportiva. A organización da proba informa dun total de 279 inscritos, procedentes de diferentes partes da xeografía galega, pero tamén de comunidades autónomas veciñas e mesmo de Portugal.

Entre os participantes, salienta a presenza da biker do Grove Lara Lois, co título de campioa de España de XCO no seu palmarés, e de Iván Feijoo e de Saúl López, competidores nas probas do calendario estatal da modalidade olímpica. Hoxe os ciclistas teñen a oportunidade de facer adestramento libre no circuíto, de 10.00 a 12.00 e de 16.00 a 19.00 horas. Os infantís serán mañá os primeiros en tomar a saída, ás 10.00 horas, cos cadetes e máster 40, 50 e 60 facéndoo unha hora despois, e os competidores das categorías júnior, sub 23, elite e master 30 ás 12.15.

Os 279 bikers encararán un circuíto de 4 quilómetros e 135 metros de desnivel positivo, do que o club organizador, o C.C. Armenteira e Punto, salienta as subidas duras, os seus rock gardens e saltos, ademais da sucesión de descensos técnicos e curvas peraltadas. Todo, rodeado dunha paraxe de gran beleza, da que gozará tamén o espectador, cun perímetro que favorece o seguimento da carreira por parte do afeccionado.

A Copa Galicia XCO 2026 conta con once probas ata mediados de xuño, incluída a XCO Kiwi Atlántico de Ribadumia, o 3 de maio.