Dous talentos que piden paso no combinado español promesas

p.p. vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

07 ene 2019 . Actualizado a las 20:07 h.

Ás cinco da madrugada de onte saía Víctor Garrido no seu coche particular desde O Grove con destino a Valladolid. Por diante, case cinco horas por estrada, e outras tantas ata Santa Comba nada máis concluír a final cadete feminina do Campionato de España. Todo, para ver as que foran as súas pupilas o ano anterior no equipo cadete do Asmubal Meaño.

Para un amante do balonmán como o hoxe coordinador deportivo do BM Xallas a paliza ben pagaba a pena. E é que tras ver novamente en acción a Sabela Miniño e a Marta da Silva, ao meco Víctor Garrido non lle cabe dúbida: «Xa merecen que se fixen nelas, e as chamen para adestrar coa selección española promesas», o combinado cadete, primeira categoría con competicións internacionais oficiais no balonmán.

Da mesma opinión é a adestradora de Sabela e de Marta no Asmubal Meaño cadete feminino. Sobre todo no caso de Marta, pola súa calidade, e tamén pola súa condición de xogadora desequilibrante. No caso de Sabela, María Fresco entende que «a pesar de su altura», o seu maior obstáculo á hora de figurar nunha convocatoria coa selección española promesas, «deberían considerarla también, porque tiene muchas cualidades». O seu poderío anotador nunha cita do nivel dun Campionato de España de Seleccións Autonómicas dá boa fe. O problema, conta a adestradora arousá, é que «ahora están buscando chicas un año más jóvenes para la selección».