Castaño defende a senda a Pedras Miúdas como proxecto estratéxico para Catoira
CATOIRA
Acusa ao PSOE local de pretender paralizar as actuacións que modernizarán a vila
11 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O alcalde de Catoira, Xoán Castaño, criticou con dureza a decisión do PSOE local de solicitar a paralización da tramitación do proxecto de conexión peonil do centro da vila con Pedras Miúdas e o Miradoiro de Abalo. Subliña o alcalde nacionalista que «a solicitude de paralizar esta actuación supón unha nova demostración de que o PSOE local e, en concreto o ex alcalde Alberto García, se opón ao progreso do concello viquingo obstaculizando e paralizando con escritos moitas actuacións necesarias e estratéxicas».
Segundo o rexedor nacionalista, «o continuo odio e rancor do socialista amosan que sigue obcecado en evitar que o actual goberno leve iniciativas modernizadoras adiante en beneficio da veciñanza». Nese sentido, afirma o alcalde de Catoira que «poñer trabas ao proxecto desta renovación do Camiño Real non só supón querer tirar ao lixo un proxecto municipal, senón tamén a iniciativa de Camiños do Litoral da Xunta de Galicia, deseñada para potenciar o turismo en todo o país». En Catoira, detallou, esa ruta do goberno galego, na súa etapa 38, transcorrería polo trazado do proxecto de Pedras Miúdas.
«A recuperación do Camiño Real é un proxecto estratéxico, cumpriu todos os requisitos de singularidade e calidade para ter conseguido subvencións tanto de Europa como da Deputación», destacou Castaño. O rexedor nacionalista explicou que a tramitación anticipada que critica Alberto García «é totalmente correcta segundo a Secretaría municipal e permitirá ter os trámites burocráticos resoltos para, no momento en que cheguen os fondos, sacar as obras a concurso de maneira inmediata».