Da muller, das xuízas e da islamofobia

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

CAMBADOS

Martina Miser

A pedra angular que sustentará a sociedade, aquí e no mundo enteiro, será a igualdade porque é moi probable que mentras a igualde non sexa absoluta, a sociedade sexa malvada

08 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A pedra angular é a que sostén unha estrutura. En Santa Mariña de Cambados os arcos consérvanse nun fráxil equilibrio porque as pedras angulares cómpren a súa función desde hai séculos. A pedra angular que sustentará a sociedade, aquí e no mundo enteiro, será a igualdade. Se acudimos á etimoloxía, vemos que ten orixe en aequus, que viña sendo uniforme ou igual. De aí derivou igual, equidade, pero tamén ecuador, adecuar, inicuo, equivocar ou ecuánime. O Dicionario dinos que inicuo é o oposto a equidade, o que non segue ou respecta a xustiza. Tamén que amosa maldade. Pon como sinónimos inxusto, malvado e vil. É moi probable que mentres a igualdade non sexa absoluta, a sociedade sexa inicua, malvada. Unha frase que pouco di porque define algo polo seu contrario. Pero non vai equivocada. Veñen aí conmemoracións laicas baseadas nesa pedra angular que é a igualdade. Hoxe é o Día da Muller. Ninguén elixiu nacer muller ou home, polo que non pode existir fachenda por ser unha cousa ou a outra. A igualdade entre sexos é un camiño que se está a abrir costa arriba e mentres non se culmine, a sociedade será inicua. Occidente vai diante, pero hai outras partes do mundo nas que a situación é terrible, con iniquidades apoiadas en viles puntos de vista relixiosos sociais e ideolóxicos. Como aquí ata hai tan pouco. E o vindeiro martes a conmemoración será a do Día Internacional das Xuízas. No Salnés temos unha maioría total de xuízas e ao seu carón avogadas, procuradoras e funcionarias. Cando me iniciei na actividade xurídica, os actores eran fundamentalmente homes. De corenta anos para acá o cambio neste eido foi rotundo: imponse a igualdade e elas son axentes de cambio, achegan perspectivas novas e lexitiman aos tribunais porque reflicten a composición da sociedade. Esa marea seguirá ata acadar, —como xa algunhas ocupan en Galicia: Carme Eiró, Sandra M. Piñeiro—, postos de liderado. Un avance para facer a xustiza menos inicua e ser claves de bóveda dunha sociedade mellor. A seguinte celebración será o vindeiro domingo: Día contra a Islamofobia. Outra cuestión de igualdade. Nela, os españois deberían ser sensibles porque ata o século XV —onte en termos históricos—, a metade da Península Ibérica falaba árabe, practicaba o Islam, era un centro cultural avanzado e quedan miles de palabras na toponimia e nas linguas. Ben é certo que hai Estados nos que o Islam impón unha vil e malvada preponderancia masculina. Estes días estase a bombardear un Estado islámico —unha inversión das empresas de armamento—, onde violan a igualdade das mulleres. Pero esa non parece ser concausa desa guerra. Recórdanos a ONU que a «intolerancia e a discriminación contra os musulmáns» existe desde hai moito tempo —non esquezamos as guerras de relixión—, pero intensificouse recentemente debido a factores como a guerra contra o terrorismo, a inseguridade económica e a maior diversidade en moitas sociedades. Os medios de comunicación e a retórica política a miúdo alimentaron o medo e o resentimento ao presentar aos musulmáns como extremistas e unha ameaza para a seguridade. Esta mentalidade de nós contra eles, combinada cunha comprensión limitada da cultura, reforza os estereotipos prexudiciais». A pedra angular de toda a sociedade terá que chegar a ser a igualdade. Con ela non importará nacer muller ou home, nin os roles xudiciais femininos chamarán a atención, nin vir ao mundo na cultura islámica ou na occidental significará diferenza. Coa igualdade desaparecerán motivos para a guerra. Gústame ver a fermosísima Santa Mariña coas pedras angulares sostendo delicadamente os arcos. Se caesen, que pode ser, desequilibraríase todo. Igual que se falla a igualdade na sociedade que estamos a construír.