Arousa: O instituto Cabanillas participa no programa «21 Días co Galego e +»
O obxectivo é promover o uso do galego entre a mocidade cun blog, programas de radio, visitas e outras actividades
Cambados
Cos obxectivos de que a xente nova fale máis galego e perfeccione o seu uso, tanto dentro como fóra das aulas, a Xunta de Galicia pon en marcha a terceira edición do programa de dinamización lingüística 21 Días co Galego e +, que conta coa participación dun total de 3.738 persoas (alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos) de dez centros, entre eles o instituto Ramón Cabanillas de Cambados.
O luns 22 tivo lugar o concerto inaugural no que se presentou o tema Vento nas velas, de Naomi Rey, de cuarto da ESO, que foi elixido como sintonía da Radio Galega. Un grupo de alumnas e alumnos derón a alborada de gaitas no patio, adornado con bandeirolas, e pola tarde presentouse o blog sonsnasvelas.blogspot.com, elaborado polo alumnado de bacharelato, con recensións persoais sobre música galega.
«Durante os vindeiros 21 días o alumnado e profesorado do IES Ramón Cabanillas levarán a cabo un reto compartido: ampliar e mellorar o seu uso da lingua galega. Para isto, un equipo de traballo conformado por mais de vinte de profesoras e profesores do centro deseñaron, ao longo deste curso, unha intensa programación de actividades e proxectos para todos os niveis educativos das ensinanzas que imparten, incluído o ciclo de vitivinicultura», segundo informan desde o centro.
Trátase de actividades cun enfoque lúdico e creativo que procurarán a práctica oral do alumnado e que se desenvolverán coa axuda das novas tecnoloxías. Programas de radio, vídeos explicativos sobre distintas materias (matemáticas, bioloxía, lingua...) composicións musicais, blogs temáticos, visitas guiadas con Guimatur e roteiros a pé por Cambados son algunhas das actividades e que se divulgarán a través das redes sociais.
O proxecto inclúe, así mesmo, a dinamización dos recreos para favorecer as relacións interpersoais entre iguais tamén en galego.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na videorreunión de apertura do programa xunto cos centros educativos e aproveitou para agradecer «o esforzo do profesorado, especialmente dos equipos de dinamización da lingua galega, e da comunidade educativa en xeral», xa que «aínda que o alumnado é o protagonista, o profesorado, as ANPA e as familias ou o persoal de administración e servizos dos centros educativos participantes son determinantes para o éxito da actividade».
O representante autonómico quixo incidir na importancia «desta oportunidade para visibilizar a lingua entre a mocidade e animala a que incorpore o idioma aos seus usos lingüísticos, a través de actividades lúdicas e orixinais, e tamén nas súas relacións persoais e no emprego das tecnoloxías». Tamén participaron na apertura o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e os coordinadores da iniciativa, Pilar Ponte e Roxelio García.
Comentarios