Ramón Caride: «O libro é algo que dá de comer a moita xente»

O autor ourensán, residente en Cambados, participa na antoloxía «Soños de Cajamarca»

O ceés aportou material de modo desinteresado para os dous libros
O ceés aportou material de modo desinteresado para os dous libros

A limiá Antela Editorial ven de presentar os seus novos títulos, «Soños de Cajamarca» e «Sueños de Cajamarca», dúas antoloxías de relatos e poemas infantís, unha en galego e a outra en castelán, destinadas a nenos de entre 8 e 11 anos de idade.

Nelas participan autores de prestixio, todos de modo desinteresado, entre os cales se conta a escritores dos ámbitos autonómico e estatal, como son os vigueses An Alfaya e Antonio García Teijeiro, o catalán Joan Manuel Gisbert, e o ourensán Ramón Caride.

Con 36 anos no mundo da literatura e tendo publicado desde ciencia-ficción ata recompilacións de relatos «noir» e numerosas novelas infantís e xuvenís, este natural de San Cristovo de Cea residente en Cambados valora moi positivamente a labor de Antela: «É unha editorial comprometida cunha serie de valores que é moi importante manter e darlle visibilidade». Así, esta «editorial social», que é como se definen, aposta pola solidariedade como principal bandeira. Neste caso, 2,50 euros, dos 12,50 que costa cada libro, destínanse á asociación sen ánimo de lucro, Aulas Abiertas, que dedica o seu tempo e esforzo á construción de comedores escolares para nenos sen recursos no Perú.

Pero o compromiso de Antela non remata aquí, tamén vive no modo de editar o seu material, algo que, segundo Ramón Caride, evidencia o amor que hai polos libros na editorial. «Non fan libros seguindo unha lóxica de mercado, fan libros nos que eles cren. Ademais fanos cunha calidade formal, un acabado, unha delicadeza e un coidado na presentación, que son realmente estupendos. O papel é tan bo que os libros se fan agarimosos de mirar».

Amais, os produtos desta editorial limiá tamén son respectuosos co medio ambiente. Os materiais utilizados na embalaxe e edición destas antoloxías procede de fontes responsábeis e de proximidade e, sendo cento por cento galegos. E se o pedido é realizado en liña, o libro ou libros chegan á casa nunha caixa de cartón que pode ser reciclada como crebacabezas.

Ambas as dúas antoloxías, que Ramón Caride considera «encantadoras», gozan dun contido moi variado: «Hai verso, hai prosa..., e ademais de autores moi interesantes», e actualmente xa se poden adquirir, tanto na web da editorial coma en librarías de toda Galiza.

E a causa da boa acollida que tiveron os seus produtos, a editorial decidiu realizar un sorteo a través da rede social Instagram. Nel sortéase un lote no que se inclúe, ademais de «Soños de Cajamarca» e «Sueños de Cajamarca», a novela infantil «Fronteiras de Papel», primeiro titulo editado por Antela. O sorteo remata hoxe e o seu gañador será anunciado mañá.

Deste xeito Antela Edicións segue a sumar puntos coma unha desas editoriais pequenas que, di Ramón Caride, tanto ben fan pola literatura, e por todas as persoas que dalgún xeito viven dela: «O libro é algo do que non só viven os autores, o libro dá de comer a moita xente».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Ramón Caride: «O libro é algo que dá de comer a moita xente»