Fátima Abal: «O modelo caciquil do PP está liquidado»

Serxio González Souto
serxio gonzález CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

A rexedora socialista defende o goberno a catro e os cambios «que demostran que en Cambados era posible outro Concello»

28 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O camiño do cuadripartito de Cambados non foi doado, pero enfronta o último ano e medio de mandato coa sensación de que as cousas teñen mudado moito no Concello. Así o defende Fátima Abal, a primeira alcaldesa da vila, e a primeira política que foi quen de destronar ao Partido Popular dende aquel lonxano 1987.

-Disque tres son multitude. ¿Que son catro, entón?

-Catro é un equipo. Non somos socios de goberno, somos compañeiros cun proxecto en común de catro anos. Levamos case tres, con bastantes altibaixos, é certo, pero como pode ocorrer noutro traballo calquera. Temos que facer o mellor polos veciños e as veciñas, e entendemos que hai que continuar con unidade e diálogo. A experiencia, aínda que complicada, é moi positiva.

-¿Como está agora o pacto de saúde logo de todo o que pasou?

-Unha das medidas que tomamos para retomar ese diálogo son as reunións organizativas que celebramos os luns para planificar toda a semana. As cousas van mellor, o diálogo é moito máis fluído. Probablemente o que facía xurdir o resto dos problemas era iso, que non tiñamos unha comunicación fluída porque o traballo do día a día no Concello ocúpache ata eses cinco minutos que son imprescindibles para comentar as cousas cos compañeiros e pode facerlle pensar a alguén que non se lle tivo en conta. Hai que pensar que esta é unha situación moi novidosa, que en Cambados é a primeira vez que funciona unha coalición deste tipo. A experiencia sérvenos de base para saber que temos que facer e por onde non debemos ir. E as cousas van mellor. A vida dos cambadeses, en moitos aspectos, mudou para mellor.

-Dende o principio do mandato funciona o ruxerruxe dunha moción de censura estilo Pontecesures ou Sanxenxo, apuntando por lóxica política a Cambados Pode. ¿Preocúpalle?

-A de Cesures, a de Oia, a de Noia, a de Tui... Non sei se neses casos a situación era insalvable, pero eu sempre dixen que confiaba nos meus compañeiros. Evidentemente, se algún quixese marchar é unha posibilidade democrática que habería que aceptar. Pero cando eu falo con Xosé Ramón [Abal], el trasládame dende o primeiro momento que aposta por este cuadripartito, e sempre confiei na súa palabra. Cando empezou o ruxerruxe co de Sanxenxo, que se o PP ía argallar algo así aquí, falei con el, e díxome que non. Sempre me mantiven tranquila e optimista porque confío na súa palabra, igual que me gusta que confíen na miña.

-¿Que hai da oposición do PP?

-Neste caso vou falar por min. O PP só está facendo unha oposición de carácter persoal porque non teñen nada que dicir da nosa xestión. Levan dende o comezo dicindo que non teño capacidade nin liderado, e dábanlle ao goberno unha vida de seis meses. Pois ben, aquí estamos, case tres anos despois, así que algo de liderado e de mando teño. Mire, eu tamén estiven na oposición, con tres concelleiros cando o PP tiña once. Nunca se me ocorreu meterme en temas persoais, nin de quen hoxe é portavoz da oposición e entón era alcalde, nin de ningún dos seus concelleiros. Cambados é pequeno, todos nos coñecemos, e podería buscar ese tipo de temas. Pero por riba de todo son persoa e son veciña. Nunca faría iso.

-Véselle enfadada.

-É que o que se fixo coa miña familia non é digno dun político que leva tantos anos. Paréceme a actitude dun novato que non sabe por onde saír, cando está máis que demostrado que todo o que foi dicindo por aí é falso. Fíxolle moito dano á miña familia, á miña nai en especial, pero é algo que está superado e non lle dou a importancia que si lle din hai meses. Eu, dende logo, teño a conciencia moi tranquila. Estamos demostrándolle a xente que logo de 28 anos do PP hai outra forma de gobernar, que en Cambados era posible outro Concello.

-¿Que outro Concello é este?

-Estamos nun Cambados moito máis moderno, actualizado no sentido dos medios que poñemos a disposición do cidadán para que realice trámites e xestións, a páxina de transparencia, a vontade real de que neste Concello exista unha igualdade efectiva entre homes e mulleres. E outra forma de enfocar os temas, sobre todo en canto á contratación de obras e persoal. Unha transparencia absoluta que acabou con esa rede de influencias caciquil que todo o mundo sabiamos que existía. Ese modelo está liquidado. Sexan ou non afíns a calquera dos catro grupos que gobernan, todas as empresas traballan. Os procesos son limpos e transparentes, sácase todo a licitación. Entre catro todo é máis claro.

-Falemos de igualdade real. ¿Estaba a sociedade cambadesa preparada para ter unha muller gobernando a alcaldía?

-Creo que si. Ao mellor o que sucedía é que unha parte non estaba preparada para un cambio político, independentemente de que a cabeza visible fose un home ou unha muller. É certo que no día a día sufro micromachismos. Eu sigo asinando papeis que falan dun alcalde. E sigo escoitando comentarios machistas. Pero os meus compañeiros no goberno apóianme en todo. Teño unha agrupación socialista e unha executiva que todos os días me arroupan. E o respaldo da presidenta da Deputación, que é un gran exemplo e á que aprecio enormemente como persoa. Sempre me dá ánimos e bos consellos. Síntome arroupada por moita xente que, sen ser votantes nin simpatizantes socialistas, achéganse para darme palabras de alento, aínda que non coincidamos nas ideas políticas. Iso ten moitísimo valor para min.

«No cuadripartito non somos socios

de goberno, somos compañeiros cun proxecto en común»

«Imos loitar polo centro de día e a praza de abastos pese ás zancadillas que pon a Xunta»

Dentro do balance positivo que a alcaldesa fai da traxectoria do cuadripartito tamén hai un lugar para a Cidade Europea do Viño.

-A capitalidade europea rematou. ¿Que sabor deixa?

-Foi algo histórico, que non se repetirá. Enormemente positivo, cunha implicación de todos os sectores, non só do vitivinícola, senón das asociacións culturais, deportivas, do Xuven, que levou o nome de Cambados Cidade do Viño por toda España. Batemos a marca tanto de visitantes como de asistentes á Festa do Albariño. Temos a sorte de que a nosa xente é moi hospitalaria e gústanos presumir do que temos. A xente estaba orgullosa, foi algo que callou moito na sociedade cambadesa.

-Falando da festa, van agora pola distinción internacional. ¿Vai supoñer cambios no Albariño?

-Si, temos as publicacións internacionais listas e o proxecto da memoria que presentaremos á Xunta practicamente rematado para que a Festa do Albariño acade o interese internacional. Precisamente mantivemos unha reunión o mércores, promovida por tres cooperativas, unha adega e o sindicato Unións Agrarias, que propoñen un plan director para a calidade e excelencia da Festa do Albariño. Trataríase de constituír mesas sectoriais de traballo para desenvolver este plan dun xeito profesional. É unha idea magnífica, porque temos que seguir mirando por unha festa que involucra a todos os cambadeses e as cambadesas.

-¿Que máis habería que facer si ou si no que resta de mandato?

-Imos loitar para ver aberto o centro de día, que está rematado, coa consignación municipal lista, pero leva pechado dende que chegamos. Temos unha poboación maior que precisa con urxencia este servizo. En canto á praza de abastos, movemos todo dende o principio, pero sempre chega a Xunta con outro trámite novo e outra zancadilla. Agardemos que nos deixen, cando menos, comezar a obra. Pero que non enganen á cidadanía.

-¿Que me di de Fefiñáns? ¿Verémola algún día peonalizada?

-Din a miña palabra de que neste mandato non se faría. E sempre cumpro a miña palabra. Pero é algo que me parece importante para valorar con consenso e diálogo no vindeiro mandato.