As cantareiras Malvela actúan o sábado na Illa con Uxía

La Voz A ILLA

A ILLA DE AROUSA

OSCAR CELA

Será no audiorio ás 20 horas con entrada de balde

22 may 2025 . Actualizado a las 10:03 h.

O sábado 24 ás oito da tarde actuará no auditorio municipal da Illa o grupo Malvela, coa participación especial de Uxía. Entrada de balde ata completar aforo.

Malvela é un grupo de música tradicional galega, creado en Sanguiñeda (Mos) integrado por 13 cantareiras (Matilde, Silvina, Fita, Clara, Carmiña, Señora Carmen (falecida), Lina, Maruxa, Dina (falecida), Aurita, Teresa, Merche e Adela (falecida), acompañadas por 6 músicos: Gustavo Domínguez (acordeón), Raquel Domínguez (gaita), Pablo Ces (bombo), Anxo Pardo (tamboril), Abilio Santos (cavaquiño) e Ana Senlle (dirección vocal).

Neste novo espectáculo presentan composicións propias, coplas populares e pezas tradicionais revisadas con frescura e actualidade. Muiñeiras, malhão, rumbas, xotas e pasodobres que convidan ao baile e á alegría, acompañadas de letras que reivindican con forza a voz e a liberdade das mulleres.

O Benquerer é tamén unha declaración de amor á súa terra, a Mos e ao Val da Louriña. Orgullosas da súa orixe, falan das súas parroquias, da xente e do Camiño Portugués a Santiago.

Nesta nova proposta artística, Malvela rende homenaxe ás cantareiras e a Castelao, e incorpora as voces fermosas de Merchi, Raquel e Rosa, así como ao guitarrista Rafa Otero. 

No seu currículo figura unha versión da popular canción «O pirimpimpín», que foi utilizada como cabeceira da serie Padre Casares. Na súa discografía figuran Que o pano non me namora (2002), O Aghinaldo (2004), Da miña xanela á túa (2007) e Raianas (2011).