Da Enciclopedia da Corrupción de Miguel Muñiz Domínguez

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

Muñiz, coa súa obra, na praza do Corgo.
Muñiz, coa súa obra, na praza do Corgo. Ramón Álvarez García

Os cidadáns estamos empachados de corrupción e de corruptos

02 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Muñiz fíxome chegar, co recendo de libro novo, o seu Diccionario Enciclopédico de la Corrupción en España (ed. Todogrove, 2026). É a primeira obra sobre tal tema así estruturada —mapa, chámalle el— que coñezo. Recompila casos de corrupción con interese periodístico que chegaron a ser xulgados. Baséase en sentenzas e foxe adrede de valorar. Non opina, expón. Trátase dun dicionario. Aséptico. Dedicar o esforzo que supón repasar resolucións xudiciais e acometer a tarefa de transformar a linguaxe xurídica noutra accesible que permita a divulgación, resulta un traballo descomunal, que non só o público en xeral, senón, en particular o periodismo, agradecerán. O libro vai en castelán porque a temática, con ese enfoque obxectivo, interesa máis alá das estremas de Galicia. É unha obra innovadora e necesaria. O noxo que produce a corrupción dáse por causado e o autor non se detén en apreciacións subxectivas. Describe. Informa. O fastío xurdirá en cada lector. A exposición, ficha a ficha descarnadas, sen adornos, escasa de adxectivos, retrata con precisión cirúrxica a denominada plutofilia, a propensión dos delincuentes que alcanzan poder político ou económico a cometeren delitos baseándose nesa posición, aproveitando o exercicio da función pública e os fondos destinados a servizos e infraestruturas públicas para obter beneficios para si. Para falar claro habería que cualificalos como ladróns do público, que nos rouban a todos. Ladrón enténdese mellor que prevaricador ou malversador. A palabra corrupción, etimoloxicamente, vén de algo que se axuda a romper, a desfacer; e iso é o que ocorre coa corrupción política e económica: contribúe á ruptura da sociedade, do colectivo. Aparte do latrocinio en si e do enriquecemento deses delincuentes, provoca outros efectos que recolle a doutrina ao estudar estas andanzas repugnantes: suscita a ineficacia administrativa, a asignación de recursos excesivos para determinados tipos de obras, a posposición dos intereses públicos, a diminución dos programas sociais, o deterioro dos dereitos da cidadanía e o descrédito das institucións. Leva consigo a sombra do branqueo de capitais. Ademais é semente do demo e impulsa a outros funcionarios e políticos, asombrados e envexosos do enriquecemento do corrupto, a cometer os mesmos delitos. O dicionario de Miguel Muñiz non se ocupa da corrupción do día a día, particularmente a dos concellos, esa do ti vai facendo, do non facía falta tanto, do non saberás dun choio para meu fillo, ou de non sei onde conseguir area branca, ou mesmo fariña triga… Miguel necesitaría máis páxinas que as cento cincuenta e cinco, que se len dun tirón grazas a unha prosa áxil e intelixible. O Instituto Nacional de Estatística di que entre 2013 e 2024 a Xustiza condenou a unha media anual de oitenta e cinco malversadores. Aínda que non se descobren nin se perseguen todos, esa cifra xa non é unha anécdota. É unha pezoña entalada na sociedade por partida dobre: na mentalidade do político, habitualmente o que non ten oficio nin beneficio, que chega á Administración para enriquecerse, —sonche desa ralea que identifica prestixio con cartos—, e na da sociedade que, estoicamente, ve aos políticos como xente falsa e que o propio dela é encher os petos cos cartos de todos. Este libro —tapa dura, ben editado— de Miguel Muñiz era unha necesidade social porque os cidadáns estamos empachados de corrupción e de corruptos. Xa avolven. Poñer os casos máis sonados á vista, explicadiños, é útil para a sociedade. Deséxolle éxito de vendas a Editorial Todogrove por toda a Celtiberia. Quen verá a Miguel presentándoo en Madrid!. Gustaríame que se reeditase moitas veces e que non houbese que amplialo. Mentres tanto, parabéns a Miguel Muñiz pola brillante idea, polo traballo, polo formato, pola utilidade e pola finalidade.