Xosé Manuel Cores Tourís: «O Plan Especial leva un ano paralizado, estamos dándolle voltas a que podemos facer e non descartamos volver a mover mercancía no Ramal»

Carlos Crespo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Xosé Manuel Cores Tourís, presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía dende o 2020
Xosé Manuel Cores Tourís, presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía dende o 2020 Martina Miser

O tráfico de contedores, a liña ro-ro e a axilidade na xestión portuaria están a levar ao Porto de Vilagarcía a cifras récord de tráfico, o que, ao tempo, conleva a necesidade de dotalo de máis infraestructuras

08 jul 2026 . Actualizado a las 11:08 h.

Moitos e transcendentes haberes e poucos debes —aínda que algún moi significativo— figuran no balance que o presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía fai da situación do porto arousán e dos seus cinco anos e medio de xestión. «O balance é necesariamente positivo porque cando cheguei aquí estabamos nun millón e pouco de toneladas, agora estamos no millón e medio e coa intención de chegar este ano a 1.600.000 toneladas. E isto é grazas aos traballadores do Porto, pero tamén aos consignatarios e aos empresarios que queren operar en Vilagarcía», expón Xosé Manuel Cores Tourís.

—Cales son as principais bazas a favor que ten o Porto de Vilagarcía?

—Somos moi áxiles e moi rápidos. Aquí non quedan as mercancías paradas. Ser un porto pequeno permítenos ter unha conexión moi personalizada cos consignatarios e coas empresas. Ademais, tamén é unha baza importante o tráfico de contedores, que se está incrementando moito nos últimos anos. Este mesmo mes incrementouse un 30 % porque Boluda conectou Vilagarcía tamén coa terminal de Santander, o que permite que mercadorías, sobre todo agroalimentarias, poidan chegar directamente a Inglaterra, que era un mercado que nós antes non tocabamos. E, por último, temos un barco ro-ro conectado co porto de Róterdam que está movendo entre 7.000 e 8.000 toneladas á semana.

—Iso é falando do presente, pero se miramos cara ao futuro, cales serían os principais retos a curto prazo aos que se enfronta o porto vilagarcián?

—Sen dúbida, ao de seguir buscando novas mercancías e novos tráficos e a que os enlaces sexan aínda máis rápidos e áxiles. Agora temos aí, por exemplo, o tema dos betumes, que se sae adiante vai supoñer que se movan outras 200.000 toneladas máis ao ano. Sei que hai xente que protesta e que non está de acordo con este proxecto, pero hai que lembrar que os betumes son un tráfico que se moveu en Vilagarcía dende hai anos e anos. Concretamente dende a época de Celso Callón. E a día de hoxe hai unhas medidas de seguridade que non había daquela. Os controis son moito maiores e máis eficaces, e os barcos veñen moito mellor preparados, polo que é un tráfico con todas as garantías.

—É o balance de toneladas o que, ao final, máis importa?

—Para nada. Cando falamos de toneladas o que hai que pensar é na cantidade de familias que hai detrás disto. Máis que falar de toneladas, hai que falar do que hai detrás de todos eses sectores e empresas que operan no Porto.

—E se miramos a longo prazo, cales son os retos do Porto?

—Seguir na liña na que estamos traballando na actualidade, tratando de abrir mercados, de conseguir máis tráficos e de que os nosos produtos cheguen a máis partes do mundo, vía Vilagarcía.

—Hai algún mercado obxectivo que sexa de especial interese?

—Non especialmente. Nós o que temos que facer é un traballo personalizado coas empresas a través dos consignatarios e proporcionarlles axilidade. Se un contedor pode entrar e saír no mesmo día, mellor que saia ao día seguinte. Para unha empresa ter un contedor parado no Porto son cartos que perde.

—Cando ten que «vender» o Porto de Vilagarcía, que é o que destaca del?

—Isto que che digo. Ter todo moi personalizado, estar moi contacto cos empresarios e a axilidade. Porque a nivel de cartos, as taxas son practicamente iguais en todos os Portos. A vantaxe é que no porto de Vilagarcía a mercancía pode entrar e saír no mesmo día que embarca ou desembarca.

—Que valoración fai deste primeiro ano de funcionamento da liña de barcos ro-ro?

—Foi unha aposta valente por parte de P&J Carrasco. Podía saír mal pero está a saír ben. Eles tiñan a vantaxe de que xa traían aluminio e tiñan unha parte do tráfico asegurado, pero foron capaces de seguir aumentando e conseguindo outras mercancías. E algo que empezou hai un ano en 4.000 toneladas á semana está xa practicamente no dobre. Porque o ro-ro é un sistema moi áxil.

—Non negaremos que sempre hai cuestións a mellorar. Que lle falta ao Porto de Vilagarcía?

—Levamos tempo cun problema que non damos solucionado, que é a modificación do Plan Especial. Leva un ano paralizado no Concello e aí non se tramitou nada. Hai empresas no Porto que necesitan ampliar as súas instalacións pero sen esa modificación do Plan Especial non poden construír. De feito, hai algunha que incluso xa está valorando a posibilidade de marchar de aquí se non pode ampliar. Entón estamos dándolle voltas a ver que podemos facer e non descartamos ter que volver a mover mercancía no Ramal.

—Tensouse de novo a relación entre Porto e Concello?

—Dende logo, non pola nosa parte. E é unha pena porque empezamos moi ben, pero non sei se pola situación da política nacional ou porque hai eleccións municipais o ano que ven, por parte do Concello non estamos a ter a colaboración que agardabamos.

—Como está o tema da liña de ferrocarril a Ferrazo?

—Está acabada. En realidade a liña ata Ferrazo xa existía. O que fixemos foi unha especie de zona de espera para que o tren, mentres agarda a que quede libre o peirao para cargar ou descargar, non estorbase ao resto da operativa portuaria.

—Cando calcula que pode estar operativo o tren?

—Van facer probas agora xa co propio tren, así que eu agardo que sexa en breve.

—Que lle vai aportar ao Porto de Vilagarcía a nova estación marítima no peirao de Pasaxeiros?

—Vilagarcía era o único concello da ría de Arousa no que os catamaráns turísticos non tiñan onde atracar. Aí había un déficit, así que decidimos aproveitar as instalacións en desuso do Club de Mar para facer unha estación marítima e que os barcos que veñen de Vilanova para remontar despois o río Ulla poidan parar tamén en Vilagarcía. Ademais, a estación marítima vai estar dotada dunha cafetería, dun área de vendas e dunha zona expositiva. A maiores diso, ao tirar as antigas edificacións, quedou aí unha explanada moi bonita e aberta ao mar, na que se poderán facer diversas actividades a nivel local.

—Cando estará en funcionamento?

—A obra xa está rematada e agora o que temos é que sacar a concurso a concesión da explotación. Este verán xa non nos vai dar tempo a que estea operativa, pero para o ano, seguro que si.

—Como está o tema do dragado, que é unha demanda moitas veces reclamada polos operadores?

—Temos pendente a tramitación ambiental. Pero o principal problema foi que a anterior ministra de Transición Ecolóxica pechou o punto de verquido que había e ata que agora habilitaron outro, practicamente ao lado, todo iso estivo paralizado. E aínda así, despois de aprobalo, seguen a darlle voltas en Madrid. Nós seguimos xestionando a tramitación ambiental e temos cartos para facelo. Así que pensamos que, se todo vai normal, nun par de anos estaríamos en disposición de iniciar as obras.

—Outra demanda clásica é a dunha posible ampliación do Porto.

—(Ri) Xa, pero cara onde ampliamos? Claro que é certo que necesitaríamos unha ampliación de cara ao futuro, pero de momento hai que optimizar o que temos. De aí a importancia que ten a aprobación do Plan Especial. Pero desde o Concello non o ven. Non ven que detrás desa decisión está o futuro de miles de familias que viven disto.

—Gústalle como quedou o novo parque do Ramal?

—A min, persoalmente, si me gusta como quedou. E recoñezo que tiña as miñas dúbidas porque non entendía moi ben para que meter alí outra zona verde, cando xa tes todo o parque Miguel Hernández. Pero agora vexo que quedou ben. O único inconvinte? Que Vilagarcía ten pouco aparcamento e nesa zona perdéronse unhas 200 prazas. Iso pode ser un problema cando empece a funcionar o novo centro de saúde.

Martina Miser

«Do que máis orgulloso estou é dos traballadores»

Chegou Xosé Manuel Cores Tourís (Cambados, 1958) á presidencia da Autoridade Portuaria de Vilagarcía en decembro do 2020, coa pandemia facendo estragos no comercio mundial. A partir de aí, o porto vilagarcián encadeou récords de tráfico exercicio tras exercicio, abriuse a novos mercados e atrae a novos operadores.

—De que é do que máis satisfeito se sente a nivel persoal destes cinco anos e medio que leva como presidente da Autoridade Portuaria?

—De estar coa xente, de ter un colectivo de traballadores que funciona moi ben e da boa relación que hai. Todo o mundo quere colaborar. Pídeslles algo e dancho ao momento porque todos compartimos as ganas de que isto vaia para adiante. Aquí nunca tiven ningún problema nin nunca tiven unha discusión con ninguén.

—No 2024, dixo: «Non quero irme sen culminar a apertura do Ramal a usos públicos».

—Si, pero para iso o Concello ten que cumprir o acordo de palabra que tiñamos, segundo o cal iso se faría a partir do momento en que tiveramos o Plan Especial aprobado de maneira definitiva. Ás empresas non lles resolve nada a aprobación inicial.

—E hoxe, no 2026, que me diría? Non quero irme sen...

—Sen a aprobación do Plan Especial, porque sei que é o máis importante neste momento non só para a Autoridade Portuaria, senón fundamentalmente para todas as familias que viven das empresas que traballan no Porto, que son miles. Entón, para min o máis importante neste momento é a aprobación do Plan Especial e poñelo a disposición dos empresarios para que sigan investindo e que eses miles de familias sigan tendo traballo, que é para o que estamos.