Vilagarcía, Cidade de Libro volverá contar co patrocinio do Ministerio de Cultura
AROUSA
O departamento da Administración central concedeulle á capital arousá a quinta mellor puntuación das 61 propostas rexistradas por parte de concellos de todo o estado que optaron á partida para a promoción de lectura e das letras españolas
29 dic 2025 . Actualizado a las 14:21 h.O Ministerio de Cultura do Goberno de España vén de comunicarlle ao Concello a renovación do seu patrocinio a Vilagarcía, Cidade de Libro. Un apoio enmarcado no reparto do programa de axudas á promoción da lectura e das letras españolas da Administración central, coa distribución de 765.000 euros entre iniciativas municipais neste sentido nunha convocatoria en modalidade de concorrencia competitiva.
Neste marco, a feira promovida polo Concello arousán, con tan só 5 edicións ás costas, obtivo a quinta mellor nota entre as 61 propostas presentadas por outras tantas Administracións locais do conxunto de España. Só quedaron por diante de Vilagarcía o Festival de Narrativas Cuéntalo, de Logroño, con 9 edicións, e a Feria del Libro de Valladolid, con 58, empatada a vila galega co Festival Internacional de Literatura de Viajes y Aventuras Periplo, de Puerto de la Cruz, con 13 edicións, e a Feria del Libro de Melilla, con 38. O certame vilagarcián recibirá a mesma subvención, 19.000 euros, que outros tan consolidados e afamados como a Feria del Libro Antiguo y de Ocasión de Madrid, con 47 anos de historia, ou a programación literaria da Feria del Libro de Valencia, con 60 anos detrás.
Desde o goberno local que encabeza Alberto Varela felicítanse ademais por ter sido o seu festival literario unha das propostas máis valoradas no apartado de orixinalidade, con 4 de 5 puntos posibles, ao tempo que lle agradece ao Goberno de España a súa axuda. Tanto pola contía como, sinalan desde Ravella, polo que supón de aliciente para continuar traballando por facer de Vilagarcía, Cidade de Libro, un punto de encontro cultural cada vez máis potente e que siga gozando do respaldo unánime dos autores e do público, con máis dun milleiro de persoas participando en cada unha das xornadas da súa quinta edición.