Martín Códax brinda a súa solidariedade ás persoas con autismo, ELA e discapacidade, e aos nenos privados de familia

Serxio González Souto
serxio gonzález CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

As asociacións Acougo, Agaela, Aspanaes e Discamino recollen os 35.000 euros recadados polo ciclo musical da adega ao longo do verán

26 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xestos sinxelos que, malia a súa aparente nimiedade, posúen o poder do cambio. Non, se cadra, cada un deles en solitario, mais si cando suman ata acadar unha dimensión apreciable. Sucede coa iniciativa solidaria que cada verán pon en marcha dende Cambados Bodegas Martín Códax. Un ciclo de concertos, denominado Xoves de Códax, vencella en catro citas estivais os mellores talentos da música e a danza chegados das catro esquinas da península. Abondan un par de horas para que as entradas se esgoten a través da web da adega. Poida que quen merque un billete non repare máis ca no atractivo da proposta que está a escoller, pero coa súa contribución económica está axudando a que un meniño atope unha familia de acollida, un maior con autismo acceda a un centro de día, unha enferma de esclerose lateral amiotrófica dispoña dun fisioterapeuta ou alguén que apenas move os brazos e as pernas percorra o Camiño de Santiago.

Onte, o presidente de Martín Códax fixo entrega de catro cheques a outras tantas entidades que, coma subliñou o propio Xoán Allegue, «son de verdade as imprescindibles». Os seus Xoves deste verán recadaron 35.000 euros, que con este acto foron distribuídos equitativamente entre Acougo, a Asociación Galega de Familias de Acollida; Agaela, a Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica; Aspanaes, que traballa para mellorar as condicións de vida das persoas con autismo; e Discamino, que consigue que persoas afectadas por distintos tipos de discapacidade peregrinen a Compostela.

Allegue subliñou que, ao longo das doce edicións que suma o ciclo, Os Xoves de Códax reuniron máis de trescentos mil euros con este obxectivo. «A colaboración é e será fundamental no noso día a día: «É a filosofía de Bodegas Martín Códax, formada por familias, e é a mesma particularidade que nos une ás asociacións aquí presentes: que traballan na igualdade de oportunidades para que ninguén quede atrás. Xuntos, cooperando, medramos máis e mellor».

ACOUGO

60 nenos menores de tres anos teñen que vivir en centros públicos. Carmen Dourado, a súa directora, foi a encargada de recoller o cheque de Acougo, unha asociación que traballa coa infancia máis vulnerable, mesmo invisible. Aquela que, por diferentes razóns, non pode vivir coas súas familias e debe facelo no sistema de protección público. En centros que, por moito que se esforcen os seus responsables, dificilmente suplirán un entorno de agarimo e convivencia íntima. Dourado, que agradeceu a Martín Códax a súa sensibilidade, debullou datos que botan a alma aos pes. Aínda que a lei prohibe que os nenos menores de tres anos ingresen neste tipo de instalacións, só en Galicia hai más de sesenta pequeniños nesta situación, ao non atopar familias que os acollan. Son máis de douscentos os menores de seis anos na mesma condición, e, en xeral, 1.500 os menores que viven en centros, «e moi poucas as familias acolledoras».

agaela

Un proxecto digno de vida. A esclerose lateral amiotrófica (ELA) é unha doenza dexenerativa que non ten cura. Devastadora para quen a padece e para os seus. Non só o propio enfermo amosa enormes necesidades, «tamén o coidador principal nunha situación que conduce á dependencia total», sinala Pilar Guimaráns. O obxectivo de Agaela é proporcionar a todos os afectados un proxecto digno de vida, Máis tendo en conta que se trata dun mal «que non ten axudas». A recadación dos Xoves de Códax contribuirá a que «teñan acceso a un fisioterapeuta, a un logopeda ou a un psicólogo».

ASPANAES

Un de cada 70 nacementos presenta algún risco do espectro autista. Ignacio Labella, o seu presidente, explica que Aspanaes naceu en 1979 en torno a seis familias da Coruña con fillos que non atopaban unha solución para a atención ao seu autismo. Hoxe, 46 anos despois, a asociación traballa con 640 rapaces e 2.500 familiares a través de 220 profesionais que procuran un coidado o máis personalizado que sexa posible. «Este dinero lo invertiremos en la dotación de un nuevo centro de atención temprana en A Coruña», detallou Labella, quen recoñece que a entidade está a se enfrontar a unha demanda crecente. «Según los estudios, uno de cada setenta u ochenta nacimientos presenta algún rasgo del espectro autista, lo que es una barbaridad». A mellora do diagnóstico inflúe nesta elevada incidencia, que probablemente pasase desapercibida hai décadas. En calquera caso, a asociación trata de cubrir todo o ciclo vital das persoas con autismo a través de servizos de atención temperá, colexios, centros de día e residencias.

Discamino

150 Camiños percorridos con 750 peregrinos. Cando Gerardo Fernández, unha persoa xordo cega, rematou o Camiño de Santiago no 2009, insistiulle a Javier Pitillas, un policía local e adestrador de atletismo de Vigo, en que era preciso que as persoas con discapacidade puidesen gozar da mesma experiencia que el viña de vivir. Naceu así Discamino, que está a rematar o seu Camiño número 150. Ao longo dos últimos 16 anos, a asociación conseguiu levar 750 peregrinos con discapacidade ata Compostela dende os máis diversos puntos de España. «Ayudamos a más de 180 personas en la provincia de Pontevedra con bicicletas adaptadas y la posibilidad de hacer senderismo», engadiu a entidade ao recoller a axuda de Códax. Con ela, Discamino poderá mercar unha bicicleta-cadeira para usuarios con problemas de mobilidade en pernas e brazos. Un aparello como o que xa puido utilizar Merchi Álvarez, a presidenta de GaliciAME.