Vilanova recibirá 280.000 euros para obras no saneamento

La Voz VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Executaranse nos camiños da parcelaria de Baión

11 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O proceso de concentración parcelaria de Baión (Vilanova) dá un paso adiante coa sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería de Medio Rural. A titular do departamento, María José Gómez, acudiu onte a Vilanova acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, para asinar un convenio co alcalde Gonzalo Durán no marco do Plan de Infraestruturas Rurais de 2025. A obra que se vai executar consiste na mellora da rede de saneamento nas novas vías da parcelaria de Baión, cun investimento de case 280.000 euros.

Esta é unha das dúas zonas de reestruturación parcelaria coas que conta o municipio a través das cales se está actuando nunha superficie de máis de 1.100 hectáreas. Concretamente, a de Baión abrangue case 700 hectáreas de máis dun milleiro de propietarios, para a que xa se destinaron 3,5 millóns de euros para a execución da de redes de camiños, segundo informa a consellería.

Desde o Goberno galego lembran outras actuacións executadas na na rede de camiños deste concello desde 2023 por valor de 140.000 euros e dentro do Plan Camiña Rural 2025-26, o Vilanova recibirá unha achega de máis de 50.000 para executar obras de pavimentación de camiños nos lugares da Fontenla e Paderne. Deste xeito, afirmou a conselleira, séguese apostan pola modernización das infraestruturas rurais co fin de mellorar os servizos que se brindan á poboación.