Luis Arosa: «Probablemente multemos a quen non haxa que multar, pero resolverémolo»
AROUSA
O alcalde de A Illa defende a implantación da zona residencial fronte ás críticas: «Desde o novo aparcamento ao centro son 5 minutos andando». Sobre o cambio de asento de Matías Cañón no pleno non está disposto a ceder
18 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Está sendo un mandato convulso para Luis Arosa (PSOE). Pese a contar cun goberno de coalición co BNG que lle dá a comodidade da maioría, cada pouco ten que lidar cunha polémica a conta das vivendas turísticas, do contrato da auga, do plan de tráfico ou do asento que ocupan os concelleiros.
—Como o está levando?
—Sabiamos que non ía ser fácil tendo só tres concelleiros no goberno, pero estanse quintando as cousas adiante. As polémicas están máis fomentadas por outros que por nós. Ao contrario, nós estamos para traballar polos ben dos veciños.
—Que vai pasar con Matías Cañón no vindeiro pleno? Vai haber rectificación como pide o concelleiro non adscrito ou vai manter a resolución de que se sente fronte á bancada do PP?
—Como xa lle dixen no pleno houbo outros non adscritos que se sentaron ao outro lado da bancada. Quen o botou fóra foi o PP, aínda que agora volva a estar debaixo das súas ás. Teno moi fácil. El mañá mete un papeliño no rexistro indicando que se quere integrar no PP e o PP mete outro dicindo que o acepta e punto.
—Por que cre que non o fan?
—Porque queren dúas voces e queren follón. O pleno do outro día foi un teatro, están creando un ambiente moi malo en todo o pobo.
——Polo tanto, ou cambia de sitio ou Cañón será expulsado de novo...
—É unha decisión que está notificada e vai ter que acatar, non se pode andar coma se fóxemos meniños.
—Din no PP que todo isto débese a unha imposición do BNG.
—É unha decisión da alcaldía.
—Por que tardou dous anos en aplicala?
—Xa chega tarde, pero ten que acatala.
—Falemos de tráfico. Atrás queda un mes no que se implantou a zona residencial e queda outro mes por diante antes de empezar a sancionar a quen circule por esas rúas sen a autorización pertinente. Dará tempo a ter todo listo o 15 de xuño?
—O primeiros quince días veu todo o mundo ao Concello a anotarse, agora está todo máis calmado, con dúas ou tres solicitudes ao día de provedores, de algunha segunda residencia ou de xente que vén de fóra a atender a persoas maiores, estamos reuníndonos con eles e entenden perfectamente o tema. Agora estamos recollendo información para dispoñer de todos os datos e empezar a funcionar. Probablemente multemos a quen non haxa que multar, pero que estean tranquilos, resolverémolo, os afectados poderán presentar recurso e os residentes non van ter ningún problema. O primeiro ano vai ser laxo, non estamos aquí para recadar cartos. Vai ser un momento incómodo e pedimos desculpas de antemán.
——Hai quen di que estas medidas van espantar á xente da Illa, que opina?
—Eses son algúns que pretenden botarlle gasolina ao lume e seguir crispando ao pobo cando non hai motivo.
—Fala do PP?
—Si.
—Anunciouse a zona azul na Area da Secada e autobuses lanzadeira para vertebrar O Bao-Carreirón e Area da Secada. Para cando?
—O da zona azul faise enseguida, para o 15 de xuño. O bus lanzadeira funcionará do 1 de xullo ao 31 de agosto. Estamos facendo xestións para conseguir a licenza e un acordo coa concesionaria do servizo de transporte na Arousa.
—E o novo aparcamento da Abilleira?
—A ver se podemos instalar os sinais indicativos na rotonda da Franqueira a vindeira semana e logo poñeremos outros carteis para indicar as entradas norte e sur. De alí ao centro hai cinco minutos andando.
—Pechouse xa o acordo coa Igrexa para dispoñer dos terreos necesarios?
—Ese asunto está resolto.
—Dáse con estas medidas por completado o Plan de Mobilidade Urbana aprobado no 2017?
—Logo de que volvan poñerse a funcionar as bicicletas de aluguer quedará completo ao cen por cen.
—Servizo de bicicletas que o ano pasado non funcionou...
—Foi por un problema informático na aplicación, pero a semana que vén xa debería estar operativo.
«Agora din que manda o BNG e mañá dirán outra cousa, é estratexia do PP»
Luis Arosa ten unha pedra no zapato co PP e outra co BNG, porque aínda que socio de goberno, o grupo nacionalista marcou distancias desde un principio. O alcalde nunca quixo avivar este lume e segue sen facelo.
—Por que garda silencio ante as críticas do BNG, teme que rompa o pacto?
—Non estou aquí para romper o pacto, o PSOE o que quere é o ben común e imos seguir traballando por este pobo.
—O PP di que vostede é unha marioneta do seu socio, teme que cale esta mensaxe na veciñanza?
—Tamén dicían que había dous alcaldes, agora din que manda o BNG e mañá van dicir outra cousa, é a súa estratexia política, que están levando ao extremo. Pero este concello aprobou dous presupostos cando outros con maioría do PP non o fixeron.
—Será o candidato do PSOE no 2027?
—Iso terá que dicilo a asemblea, nós non imos a dedo.