«Se hai algo que de verdade empodera é ter independencia económica»

Rosa Estévez
rosa estévez VALGA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Malia que a lexislación consagra a igualdade salarial, as mulleres seguen a cobrar menos que os varóns

20 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En la brecha del sexo. Por un trabajo de igual valor. Ese é o título do libro que vén de publicar o valgués Javier Carballo de Jesús, prologado por Carmen Calvo e editado pola Fundación Luis Tilve. Graduado en Relacións Laborais, cun máster en Dereito do Traballo e Seguridade Social, decidiu converter o que naceu como un traballo académico nun «libro útil» para axentes sociais que teñan algo que dicir na conquista da igualdade laboral entre homes e mulleres. Unha igualdade que xa está instaurada sobre o papel, non así na realidade. «En España nos últimos anos tense reducido a fenda retributiva, que no 2010 era do 16,2%, e no 2022 era do 9,4, segundo os datos da UGT. É verdade que hai un avance, pero o dato segue a ser extremadamente grave», relata Carballo de Jesús.

—Hai negacionistas tamén da existencia desa fenda salarial.

—Supoño que se pode pensar que este tema está superado polo propio mercado de traballo. As veces, as mesmas afectadas non son conscientes da situación que están a vivir. Pero as cifras son teimudas e están aí. Todos os datos dos que dispoñemos dinnos que as mulleres traballan gratis ao ano 34 días con respecto aos seus compañeiros varóns.

—Como é posible? Que falla?

—Dende o ano 2019, coa aprobación do Real Decreto de Igualdade no Ámbito Laboral, dispomos dun instrumento, dunha ferramenta moi útil para pechar esa fenda, pero falta a súa aplicación práctica. E nese punto é moi importante o traballo que se poida facer dende a Inspección de Traballo. Precisamos máis medios, máis inspectores facendo tarefas de control. E precisamos de máis implicación por parte de todos os axentes implicados, sexan políticos, sindicais, patronais... Téndese a falar moito de empoderamento feminino, e se realmente hai algo que empodera é poder ter autonomía e independencia. Os salarios son mecanismos de empoderamento. Unha sociedade na que a metade da poboación cobra menos que a outra metade por razón do seu sexo, é unha sociedade cun problema moi grave.

—Cales son as causas dunha fenda retributiva de máis do 9%?

—Por un lado, a segregación ocupacional e a feminización de certas profesións, que normalmente coinciden con sectores precarizados. O certo é que o 76 % de horas dedicadas aos coidados non remunerados préstanos as mulleres; a taxa de parcialidade é dun 21,6 % nas mulleres e dun 6 % nos homes e son as mulleres as que collen as excedencias por coidados, co 84 %, polo 16 % dos homes. Se resolvemos o tema da hiperfeminización dos coidados avanzaríamos moito; é algo que nos lastra como sociedade.

—Fala de sectores feminizados e precarizados. Sobran os exemplos...

—O sector dos coidados; as traballadoras de axuda no fogar cobran uns salarios de miseria, que teñen pouco tempo de atención, que están expostas á violencia, ao acoso... Tampouco podemos esquecer ao colectivo das camareiras de piso, as kellys, que tamén sofren a precariedade e levan anos demandando melloras. Por non falar, claro, das persoas que se dedican ao coidado do fogar e da familia, que son excluídas da Seguridade Social... As amas de casa deberían ter unhas condicións especiais na Seguridade Social e un recoñecemento a todo ese labor que fan en beneficio do conxunto da sociedade. O traballo no fogar debe ser incluído no ordenamento xurídico e no sistema.

—O libro fai un percorrido pola lexislación que foi marcando o camiño da igualdade. Parece que sobre o papel todo vai máis rápido.

—No libro fago unha compendio de normas vinculadas coa igualdade, empezando na Constitución de Cádiz e chegando ata o Real Decreto 6/2019 que, como dixen, produciu un cambio de paradigma, coa obrigatoriedade dos plans de igualdade, a unificación dos permisos de paternidade e maternidade... Xa no 2020 aprobáronse novos reais decretos centrados na igualdade retributiva... Hai recursos suficientes a nivel normativo para abordar a situación na que estamos e atallar o problema. Pero non se poden aplicar estas políticas de igualdade se non hai recursos. Precisamos que se tome máis en serio esta materia, tanto no ámbito público como nas empresas.

—Parecera que, como pasa en outros ámbitos, as cuestións que afectan ás mulleres sempre quedan relegadas, porque sempre xurde algo máis urxente...

—Desgraciadamente, sempre pasa así. E non dou entendido as razóns polas que se deixan a un lado as políticas de igualdade. No libro tamén fago unha reflexión sobre os tres eixos centrais da batalla contra a fenda retributiva: o sindicalismo, o feminismo e os datos. Fago una reivindicación do sindicalismo e do diálogo social; considero que é fundamental ter axentes sociais preparados para abordar cambios estruturais na sociedade. O sindicalismo e a reivindicación desas medidas de calado teñen que facerse partindo da axenda feminista; o movemento feminista, que é un piar do estado de dereito. E os datos son importantes para coñecer a realidade.