A banda da Illa asegura que «a canción que presentaremos para a proba será cantada, por suposto, en galego»
28 ago 2023 . Actualizado a las 21:12 h.O grupo da Illa de Arousa Lontreira entrou no Top 100 da lista de La Elección Interna. Esta lista xa catapultou en 2022 a Tanxugueiras e seis meses despois, as galegas estaban competindo no Benidorm Fest. La Elección Interna ven de iniciar o seu proceso de escolla para Eurovisión 2024 coa selección de 100 cancións entre as 874 propostas. Nesta primeira elección incluíron, cunha notoria cantidade de afagos, ao trío galego Lontreira composto por Rotce (teclado), Adri Coyote (voz) e Iván Barral (guitarra). Desde o grupo recoñecen que están moi ilusionados por entrar nesta selección e adiantan que xa están comezando a traballar na canción que presentarán á preselección do Benidorm Fest.
Ademais, aseguran que «por suposto será un tema cantado en galego» e que represente a tradición e modernidade entre músicas de raíz e a electrónica que tanto valoran os eurofans. A canción será presentada en outubro.
En canto ao proceso de La Elección Interna, desde o pasado luns e ata as oito da tarde do domingo 27 están abertas as votacións para escoller aos 24 candidatos deste Top 100 que pasarán á semifinal. Para poder votar é preciso rexistrarse na web eurovision-spain.com.
En caso de saír elixido, o grupo galego participaría na semifinal do Benidorm Fest que dará comezo o 30 de xaneiro coa primeira semifinal, o 1 de febreiro será a segunda e a gran final será o sábado 3 de febreiro. O gañador será o encargado de representar a España no festival de Eurovisión de 2024, algo que as Tanxugueiras estiveron moi preto de lograr na anterior edición.
O apoio do Concello
Desde o Concello da Illa, o alcalde Luis Arosa aproveitou a ocasión para amosar a súa ledicia e o seu apoio ao grupo galego, xa que confía en que chegarán a participar en Eurovisión, algo que sería histórico para o municipio.
Lontreira é un dos grupos que máis éxito está a ter nos festivais que se celebran por todos os recunchos de Galicia. Unha proposta fresca e divertida que é unha das sensacións do verán.