Nico amarra un punto para o Arousa cun gol no desconto desde o medio do campo (1-1)

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Os de Perú anularon ben o xogo creativo do Real Oviedo

30 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa presentábase na tarde de onte no campo do cuarto clasificado, o Real Oviedo, motivado pola posibilidade de desbancar do sexto posto o Bansander nas dúas últimas xornadas de Liga da División de Honor Juvenil. E así o podería facer a falta dun único partido se na mañá de hoxe o club santanderino cae na casa cun RS Gimnástica que se está a xogar a continuidade na máxima categoría do fútbol español de formación. Unha combinación posible grazas ao empate que Nico amarrou onte no tempo engadido cun gol de resume televisivo para subir o 1-1 final.

Nun campo de boas dimensións e en perfecto estado de revista, o Arousa atopouse cun anfitrión que a base dun excelente trato ao balón, dominou a posesión. Para desgraza do Oviedo, os homes de Perú ofreceron unha nova mostra da fórmula que os converteu no conxunto revelación da División de Honor Juvenil na estrea do Arousa na categoría. Cunha solidez e unha solidariedade defensiva que lle achicou o espazo ao rival, con moitas dificultades para pisar a área da portería defendida por Rodri.

Sen Dani Conde nin Hugo Losada, reservados por Luisito para o primeiro choque da promoción de ascenso á Segunda R.F.E.F., mañá no Couto fronte á U.D. Ourense, os efectivos de Perú apenas lle concederon nada ao Real Oviedo. Na primeira parte, un tiro afastado. Na segunda, tan só algunha acción a balón parado, como a que supuxo o 1-0, no minuto 74. Pablo colou o esférico por debaixo da barreira saltarina do Arousa, e o balón entrou na portería de Rodri tras pegar nun pau.

Os arlequinados, que xeraban perigo desde a recuperación do balón, tiveran un par de bos remates de Fer e de Arón na primeira metade. Pero non foi ata o minuto 91 cando puideron celebrar gol. E de que maneira. Nico sacou unha falta practicamente desde o centro do campo, o balón botou no punto de penalti e colouse por riba da saída en falso do porteiro local, Pelayo.

FICHA DO PARTIDO:

REAL OVIEDO (1): Pelayo, Daniel (Vicente, min 82), Borja (Sergio, min 61), Pablo, Ignacio, Alejandro, José Luis, Joel, Adrián, Diego (Mouhamed, min 85) e Marcos.

AROUSA (1): Rodri, Prieto, Dani, Nico, Miguel Fernández, Arón (Mateo, min 70), Lucas García (Teo, min 46), Fer (Memet, min 70), Redondo, Fabio (Víctor, min 81) e Lucas Aguín (Abel, min 85). 

GOLES: 1-0, min 74: Pablo. 1-1, min 91: Nico.

ÁRBITRO: Eduardo Rodríguez García, auxiliado nas bandas por Roberto Enrique Veiga Romero e por Álvaro González Bello. Amonestou os xogadores locais Alejandro, Sergio, Pablo e Vicente; tamén o visitante Dani.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á penúltima xornada da Liga de División de Honor Juvenil.