De cambiar o Día das Letras Galegas

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Martina Miser

A data conmemorativa tamén ten que reivindicar que o galego non só é idioma para a literatura

19 may 2022 . Actualizado a las 12:26 h.

O 17 de maio, festivo en Galicia desde 1991, non cumpre a súa función e, con todo o respecto para cada unha das figuras ás que se lle dedicou, xa parece encadeado nun certo folclorismo: os concellos aproveitan para realizar algúns actos nas rúas e os colexios de infantil e primaria deseñan actividades en galego. No eido institucional, a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia tamén algo organizan nese día. Vale, está ben. Pero para a sociedade en xeral está a ser unha data para facer ponte de vacacións. Convén, por tanto, matinar en se se cumpre o obxectivo para o que foi instaurada esta conmemoración e, para iso, hai que coñecer como naceu e como evolucionou.

A idea xurdiu en 1963, cando Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, aproveitando que ese 17 de maio se cumprían cen anos da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, fixeron unha proposta á Real Academia. Propuxeron, redactando en galego aínda non normativo, a instauración dunha celebración anual, indicando que «o millor xeito de o conseguir sería que acordase decrarar Día das Letras Galegas, o 17 de maio de cada ano, a partir do presente. Contaríase así, pra o porvir, cunha xornada oficialmente adicada a honrar ós nosos libros. O día 17 de maio de cada ano viría ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega». E seguiron a dicir: «Ninguén desconoce que o libro ten unha forza simbólica estraordinaria. Sendo a amosa máis reveladora do nivel cultural dos pobos, non é de estranar o afán de esparexelo e de lle abrir camiños pra ensanchar o ámpido dos seus leitores. No caso de Galicia, ningunha data máis axeitada pra enaltecer e difundir o libro eiquí producido, que a que conmemora a pubricación da obra coa que se encetóu o prestixio contemporáneo das Letras galegas».

Nesas datas non se celebraba aínda o Día do Libro, que empezou en 1989. O enfoque deses propoñentes foi máis o de honrar os libros escritos en galego que á literatura, entendida como obra de ficción —novela, poesía—. A Real Academia Galega aprobou por unanimidade a proposición e acordou declarar o 17 de maio como Día das Letras Galegas. Desde esa data a RAG decide a que personalidade literaria se lle consagra ese día cada ano. Non o fai para honrar libros, como era a proposta inicial, senón, como di o artigo 2, apartado g, dos seus estatutos (BOE 31 de marzo de 2000), para honrar a un literato. Así que a amplitude da proposta inicial de «honrar ós nosos libros», ou de «recoller o latexo material da actividade inteleitual galega», quedou limitada ao ámbito da literatura, sen adxectivos —científica, social—. Como se o galego non fose lingua, igual que as demais, apta para a técnica.

Hai uns días. o principal activista da lingua galega, Xosé González Martínez (Teis, 1950), —medalla Castelao 2004 ou premio da Cultura Galega 2020— publicou unha reflexión afirmando que é necesario non limitar esta celebración ao literario, senón que diante do panorama dos usos actuais do galego é imprescindible regaleguizar outros ámbitos sociais ocupados polo castelán: a Medicina, a Economía, o Dereito, a Lingüística, a Informática; o comercio, a industria. Propón, tan acertadamente, cambiar o nome desta celebración polo de Día da Lingua Galega porque, con toda evidencia, o noso idioma non serve só para a literatura e hai que retomar a proposta primixenia de Fernández Del Riego de honrar neste día toda a actividade intelectual galega, non só á literaria. Por certo, como nos recorda Xosé González Martínez, o propio Florencio Delgado Gurriarán, poeta homenaxeado este ano, propuxo que na revista Vieiros se publicasen máis artigos científicos, aínda «que haxa menos traballos puramente literarios».