O campión Asmubal terá que pelexar o regreso a Prata en Gran Canaria

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

PATRYRIVAS

Balonmán O sorteo depara un duro grupo para o equipo meañés, co Rocasa anfitrión

28 abr 2022 . Actualizado a las 11:47 h.

O Asmubal Meaño pelexará do 13 ao 15 de maio por regresar á División Honor Plata Femenina en Telde, Gran Canaria. O reparto de sedes e o sorteo dos seis grupos para outros tantos billetes de ascenso onte na Real Federación Española de Balonmano encadrou o conxunto do Salnés, campión da Primeira Autonómica Galega, no Grupo F, que se disputará en Telde, Gran Canaria, co Rocasa de anfitrión. Un moi duro destino, por canto ao filial do, hoxe por hoxe, cuarto mellor equipo da Liga de División de Honor, súmanse como rivais os subcampións de dúas das categorías autonómicas de maior nivel no balonmán español, a catalana, con Handbol Ascó no grupo, e a madrileña, na figura do Balonmano Alcobendas.

A presidenta do Asmubal Meaño, Silvia Lobato, non agochaba onte a contrariedade coa que todos os estamentos do club recibiron a desenlace do reparto de ubicacións e de rivais fixado desde Madrid. En primeiro lugar, por canto a entidade meañesa optaba a organizar un dos seis sectores da fase de ascenso á División Honor Plata Femenina, categoría que a vindeira temporada será relegada do segundo ao terceiro chanzo da estrutura federativa coa creación dunha División Honor Oro entre a Plata e a primeira liga nacional.

«Tiñamos a esperanza de que nola deran a nós», confesaba Lobato tras coñecer a nova. «Fomos as campioas de Galicia e hai moitos anos que non vén un sector feminino a Galicia», engade. A cuestión é que, segundo puido saber a presidenta do Asmubal, o club canario ofreceu unha cantidade moi superior ao canon mínimo esixido pola Federación para organizar os sectores de ascenso á D.H. Plata Femenina. Silvia Lobato considera que desde Madrid deberan ter en conta non só cuestións monetarias, senón outras como o número de equipos dos clubs postulantes ou o seu grao de saneamento económico. Con todo, e sendo que as xogadoras recibiron «en estado de choque» a noticia da sede en Gran Canaria, Lobato declara: «Hai que ser positivas e pensar en que imos dar a campá».

Con dúas semanas de preparación por diante xa coa referencia dos seus rivais polo ascenso, o Asmubal voará a Canarias tras conquistar o título autonómico gañando 21 dos 22 partidos que xogou entre as dúas fases da Liga, a regular e a que decidía o campión.

En paralelo ao labor de Juan Manuel Costas e as súas pupilas no parqué de Coirón, a directiva de Silvia Lobato traballará en reunir os arredor de 6.000 euros que, calculaba onte, custará o desprazamento e a estadía de catro días e tres noites en Gran Canaria. Uns gastos que levaron onte a presidenta do Asmubal ás súas primeiras reunións cos patrocinadores para reunir os cartos.