Veloso encara o último gran servizo ó seu amigo Álex Marque na Volta a Portugal

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Clube de Ciclismo de Tavira e Atum General / Tavira / Maria Nova Hotel.

O vilagarcián, que onte volveu ceder terreo, pretende ser o escudeiro do estradense nos 8 quilómetros de subida final á Señora da Graça, chamados a poñerlle nome ó gañador da Volta a Portugal

14 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Gustavo César Veloso corre hoxe a súa derradeira etapa en liña na Volta a Portugal. Faino marcado pola caída no treito neutralizado da etapa do pasado domingo, cando as súas posibilidades de pelexar xunto ao seu bo amigo Álex Marque polo triunfo na xeral final logo da vitoria deste no alto de Torre se volatilizaban. Desde entón, o vilagarcián leva forzando cada xornada a máquina para cubrirlle as costas ao líder do Atum General/Tavira/María Nova Hotel ata onde o corpo lle aguanta.

No día de onte, a Veloso o físico deulle para escoltar a Marque ata as rampas do alto de Torneiros. Cando o coroou, no quilómetro 119,3, o grupo de favoritos ao triunfo na xeral xa voara por diante, á caza dos integrantes da fuxida do día. Veloso entrou a 19 minutos e 25 segundos do gañador, o americano do Rally Cycling Kyle Murphy, nunha oitava etapa con cambio de líder. Desbancando Amaro Antunes (W52-F.C. Porto) a Rafael Reis (Efapel), con Marque manténdose segundo, agora a 14 do novo xersei amarelo. Veloso cae apenas na clasificación, ao posto 31, con 35 minutos e 20 segundos de desvantaxe con Antunes. O cambadés do Tavfer-Measindot-Mortágua, Ángel Sánchez, ocupa o posto 64 a 1.40.41, logo de deixarse onte 28 minutos e 15 segundos co gañador da etapa.

Cubrir os últimos 40 quilómetros onte ata a meta na Serra do Larouco ao seu ritmo deberíalle ter reservado a Veloso un chisco de enerxía extra para botar o resto no día de hoxe. Con dous compañeiros menos desde o reinicio da carreira por covid-19, o traballo do vilagarcián semella crucial para as aspiracións do seu amigo Marque á hora de encarar os 145,5 quilómetros entre Boticas e Mondim de Basto. Pero sobre todo, para poder optar a gañar a guerra sen cuartel que os xigantes W52 (Antunes, Brandão) e Efapel (Figueiredo, Moreira, Carvalho) presentarán nos 8,4 quilómetros de rampas que levan á gloria ou ao inferno na meta da Señora da Graça.

Ata seis corredores en menos dun minuto na xeral aventuran un día para o recordo. Un día no que Veloso quere regalarlle o seu derradeiro servizo ao seu grande amigo da Estrada.