Visita dende Vilagarcía á cerna da imaxe de Sargadelos

Serxio González Souto
s. gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

A concelleira de Cultura, Sonia Outón, visitou o estudo de Vizoso en Brión
A concelleira de Cultura, Sonia Outón, visitou o estudo de Vizoso en Brión

Invitada polo artista, a concelleira Sonia Outón coñeceu o estudo de Xosé Vizoso, que expón na Rivas Briones ata finais de mes

02 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata finais deste mes, a sala Antón Rivas Briones de Vilagarcía defende unha das máis interesantes exposicións de cantas ten acollido nos últimos tempos. Comisariada pola fundación Artiaga, Creatividade e Procesos amosa o labor que implica a creación dunha obra de arte, dende o mesmo momento da súa concepción ata a súa materialización. Neste caso, nas mans de Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950), o home que marcou durante catro décadas os deseños da cerámica de Sargadelos, unha das imaxes más poderosas da Galicia contemporánea.

Esta é a primeira vez que Vizoso presenta diante do público o seu mundo procesual e o xeito no que as súas ideas van evolucionando a medida que cobran forma e se trasladan ao feito material. A mostra recolle, así, numerosos bosquexos que van perfilando aos poucos ese desenvolvemento da obra de arte. Ademais do seu recoñecido labor para Sargadelos, o creador de Mondoñedo deseñou 250 carteis de eventos culturais, asinou máis de trescentas ilustracións e tocou os campos dos grandes murais e as esculturas conmemorativas. Invitada polo artista, a concelleira de Cultura, Sonia Outón, puido visitar durante a fin de semana o estudo de Brión dende o que segue a traballar.