Na busca dos alicerces da peza artística

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A sala Rivas Briones, en Vilagarcía, acolle unha mostra de Xosé Vizoso, que comparte co espectador o seu proceso creativo

31 may 2021 . Actualizado a las 20:08 h.

«Dádelle papel e lapis». Esa é a recomendación que ofrece Xosé Vizoso a toda aquela persoa que teña crianzas cerca. Dádelle papel e lapis e deixádelle que exploren a arte, vén dicir o deseñador gráfico, coa súa voz cargada pola experiencia de toda unha vida traballando con esas ferramentas. Cando el era cativo, en Mondoñedo, debuxaba sen parar na pizarra da escola. Recorda perfectamente como dunha volta se obsesionou ao ver pasar por diante da casa os cabalos que ían para a feira: non deu debuxado ben ao animal ata que puido observar un exemplar de vagar. É dicir: «Para que as cousas saian ben, hai que insistir nelas, darlle mil voltas». Esa é a súa estratexia, e dela deixa constancia na mostra Creatividade e procesos, que onte abriu na sala Rivas Briones de Vilagarcía, onde permanecerá ata o 30 de xuño.

Vizoso é todo un referente do deseño gráfico feito en Galicia. Durante a súa longa traxectoria traballou para Sargadelos -corenta anos de fértil colaboración-, elaborou 250 carteis para todo tipo de eventos culturais e festivos e máis de trescentas ilustracións para libros e publicacións. Todos eses traballos finais son o froito de minuciosas investigacións, de bosquexos feitos en cadernos, en sobres, en panos de cafetería. Moitos deses borradores, nos que o talento artístico do autor xa brilla, forman parte da mostra que chega a Vilagarcía da man da Fundación Artiaga. «Ao longo da exposición, o espectador descubrirá un mundo de xestualidades esvaecidas durante o proceso creativo que fai que a obra de Vizoso abandone a comodidade de estar catalogada entre as marxes do deseño gráfico, a ilustración ou a artesanía, e pase a establecer un diálogo con aqueles que descobren os novos significados en cada reconsideración», di a comisaria da mostra, Saudade Artiaga, no catálogo da exposición.

Nese mesmo texto, reflexiónase sobre o traballo dun artista para o que é «imprescindible estudar, traballar, informarse e realizar numerosos estudos para lograr un resultado á altura dunha mente esixente como a súa». No seu caso, continúa reflexionando a comisaria da exposición, «a súa musa é o traballo», e de aí a importancia desta mostra, que a través dos bosquexos «o espectador descubrirá as engranaxes do proceso creativo».

A mostra, cos carteis e os bosquexos, estará aberta en Vilagarcía ata o 30 de xuño.