De que si, que somos Patrimonio Mundial

X.A. Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MARTINA MISER

«O traballo será inxente e ben podería tomar a iniciativa e avogar por ela a Mancomunidade do Salnés», di o autor

10 may 2021 . Actualizado a las 21:24 h.

O domingo pasado dicía aquí que o extraordinario acervo cultural e natural do Salnés ben poderían dar lugar a que esta comarca fose declarada Patrimonio Mundial. A Convención de Patrimonio Mundial busca protexer e conservar tanto o patrimonio cultural como o natural e inclúe bens culturais como espazos excepcionais desde un punto de vista histórico, artístico, científico, antropolóxico ou etnolóxico; bens naturais, que son as formacións xeolóxicas ou lugares cun valor sobranceiro desde un punto de vista estético, científico ou de conservación; e bens mixtos que son aqueles que posúen riquezas das dúas categorías. Obter a Declaración require un proceso complexo e documentado, con participación autonómica, estatal e internacional. A candidatura a Patrimonio Mundial parte da Comunidade Autónoma, que envía o expediente a un Grupo de Traballo do Ministerio de Cultura e despois, se este o aproba, o Consello de Patrimonio Histórico, adscrito ao Ministerio de Cultura, cada decembro, envía a proposta ao Centro de Patrimonio Mundial da Unesco que a examina e remítea ao Comité, que empezará por incluíla na Lista Indicativa, onde permanecerá polo menos un ano. De seguido veñen diversas avaliacións ata que se inscribe ou se devolve a petición ao Estado que a propuxo. Nesta Lista Indicativa agardan a Ribeira Sacra desde 1996, Ferrol, porto da Ilustración, os Montes Ancares ? Somiedo e as Vías Romanas, desde 2007 e o Parque Nacional das Illas Atlánticas desde 2018. En España, a maioría dos declarados pertencen ao ámbito cultural; no natural figuran os Parques Nacionais de Garajona, Teide e Doñana e os faiais. E como mixto están incluídos Ibiza, biodiversidade e cultura e Perineos-Monte Perdido. En Galicia -ata agora- foron recoñecidos como Patrimonio Mundial a cidade vella de Santiago de Compostela en 1985, o Camiño de Santiago en 1993, a muralla romana de Lugo no 2000 e a Torre de Hércules no 2009, todos no sector cultural.

A Comarca do Salnés dispón de patrimonio cultural e natural abondoso. A modo de exemplo xa temos citado xacementos arqueolóxicos, diversos castros e petróglifos; pero tamén pazos, ermidas e igrexas; testemuñas etnográficas como cruceiros, petos, fontes, lavadoiros, arquitectura tradicional, almacéns de salga, telleiras, muíños. Todo reflicte unha profunda e larga historia. Temos patrimonio inmaterial declarado como os coñecementos das carpinterías de ribeira e as dornas; e non podemos esquecernos, por exemplo, do proceso de cría de mexillón en bateas, ou de cultivo do viño en parras. Pero é que ademais aparecen no haber os valores das zonas protexidas medioambientalmente: Rede Natura, Convenio Ramsar, LICs, ZEPA, Complexo Intermareal ou o contraste e a diversidade de hábitats entre, por exemplo A Illa e Armenteira en plena serra do Castrove. E que dicir das paisaxes?.

Non parece que existan dúbidas sobre a potencialidade da comarca para ser clasificada como Patrimonio Mundial da Humanidade mixto, natural e cultural. O traballo será inxente e ben podería tomar a iniciativa e avogar por ela a mancomunidade, que nos seus Estatutos ten como fins executar proxectos culturais e potenciar o turismo. A ver se se nos recoñece no mundo o que vimos sendo.