Do réquiem pola Torre de Escuredo

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A que fora residencia de verán do poeta Luis A. Mestre está estragada, en completa ruína

07 jun 2021 . Actualizado a las 21:09 h.

A parálise administrativa ó redor da ruinosa residencia de verán do poeta -sempre en castelán- hispano-cubano e vigués, Luis A. Mestre, que tamén escribiu co pseudónimo El proscripto de Almendares, fixo que a denominada Torre de Escuredo no centro do Grove rematase estragada, en completa ruína. Xurdiu nesa vila un benvido movemento -Torremakers- que pretende chamar a atención sobre o lamentable estado do edificio e continúa a xa larga loita incansable de Francisco Meis, a clamar no deserto pola conservación dese Ben de Interese Cultural. Mais esa pugna de bos e xenerosos a prol do común vai fracasar porque as Administracións competentes están, digo eu, a outras cousas. Centremos a cuestión: A chamada Torre de Escuredo -un apelido da burguesía local- ata foi declarada como BIC cunha denominación errada no 1994: Torre de Escudero, sen que ninguén pedise rectificación. E que significa que sexa BIC?. Pois que é un edificio de interese para Galicia ao que se lle outorga protección integral --non é chiste que signifique conservación total do inmoble e de tódolos elementos e compoñentes de seu nun estado o máis próximo posible ao orixinal-. Como consecuencia desa declaración, os propietarios están gravados con deberes públicos: conservar, manter debidamente, evitar a perda, destrución ou deterioro do edificio. Tamén soportan as obrigas de permitir o acceso a funcionarios e a visitas de balde, como mínimo catro días ao mes. Ademais, a Xunta de Galicia dispón dos dereitos de tanteo e retracto para o caso de transmisión do inmoble. Por outra banda, o incumprimento -tan flagrante- dese deber de conservación permitiría a expropiación forzosa que, neste caso, parece a única posibilidade real de salvar este BIC se se iniciase a tempo. Esta casona é, ademais, inseparable do entorno de seu e só poderá desprazarse por causa de caso fortuíto, forza maior, utilidade pública ou interese social con autorización da Xunta. E esta Administración está facultada para fomentar medidas e actuacións para garantir a protección da Torre en colaboración co Concello do Grove, que xa debería ter aprobado un Plan Especial de Protección. Outra das razóns polas que a batalla altruísta de Francisco Meis e Torremakers podería ser inútil, está na regulación que prevé para a Torre o aletargado PXOM porque se algún día se aprobase así significaría a ruína definitiva. Propón clasificar o céntrico solar como Solo Urbano non Consolidado, cun sistema de actuación de compensación -os propietarios achegan os terreos de cesión obrigatoria e realizan a urbanización ao seu cargo- e establece o traslado e rehabilitación da Torre coma equipamento público, para conformar unha praza coa da Fonte do Galo e autorizando unha nova edificación residencial que tape a aberración da medianeira do Norte do solar. En fin: que mentres o edificio cae a cachos, o futuro ponse nas mans dun PXOM cunha proposta inviable. Gustaríame confiar na loita de Torremakers e de Francisco Meis, aínda parecéndome que, como Don Quixote, loitan contra xigantes que neste caso nin se moven. Pero desde aquí: grazas e sorte, que será para todos. E fará falta porque, ademais, estou en que desde 2018 a Xunta está aberta a desclasificar A Torre de Escuredo como BIC.