Cúmprense cen anos do pasamento do autor, moi ligado á historia do Grove

Francisco meis

Mentres escribe, a pluma escápaselle das mans e o seu corpo desvanécese. En cuestión de horas morrerá, na súa vivenda madrileña da rúa da Princesa, unha das figuras literarias mais importantes do país. O 12 de maio de 1921 deixábanos a escritora Emilia Pardo Bazán. Este ano conmemórase o centenario do seu falecemento ao mesmo tempo que o do poeta, escritor e xornalista Luís Antonio Mestre. Dúas figuras galegas unidas por unha afectuosa amizade que forxaran nos certames literarios de finais do século XIX, nas idas e vindas á Toxa de Dona Emilia sendo aínda director-xerente do balneario Luís A. Mestre e sobre todo, pola súa profesión, á que consagraron ambos unha dedicación e esforzo constante. Ata na morte andaron próximos; só os separou pouco máis dun mes.

Mestre falecía fai un cento de anos na súa casa de Vigo, lonxe do seu estrañado palacete do Grove, cego e vello na madrugada do 9 de abril de 1921. De carácter íntimo, reservado e dotado dunha gran sensibilidade, o poeta nacía en Cuba no ano 1848 chegando a España cos seus pais en 1852. No Grove, lugar de acollida dos avós paternos, os pais mercaron un pazo de secular historia familiar que sobreviviría, parte del, ata os nosos días. Naquel lugar compuxo numerosas poesías e ocuparía gran parte dos seus veráns. 

Vida Gallega

Foi membro, non de número, da Real Academia Galega, obtivo profusos premios nos certames poéticos que se celebraban, sobre todo, durante o século XIX co sobrenome de Xogos Florais. Foi director e redactor de varios xornais en Vigo, socio de mérito da Academia Literaria e de Belas Artes e da Bibliográfico-Mariana, de Lérida, socio tamén do Centro de Lectura de Reus que aínda existe, membro titular de L´Academie Mont-Real de Tolouse e individuo correspondente da Xunta Poética Malacitana, de Málaga. E non podemos esquecer a etapa consular en Vigo á fronte do goberno cubano primeiramente -comunicoullo Curros Enríquez desde a illa- e máis tarde, co de Guatemala ata o seu falecemento.

Unha persoa ilustrada que con todo, no Grove xamais foi valorada pola importancia cultural que representou para Galicia, senón pola súa bondade e caridade. Do talante e humanidade como persoa, falan claramente os seus feitos.

Luís Antonio socorreu en 1886 a unha familia de náufragos do municipio que quedaban na máis triste das miserias e que hoxe grazas á súa axuda económica, puideron sen dúbida variar o curso das xeracións futuras. Son numerosas as familias actuais que ignorantes deste feito uns e, outros sabedores, son historia viva do municipio: sirvan como exemplo o recoñecido copropietario da Quinta de San Amaro, Julio Ouviña ou Rosa Fernández, traballadora do Centro Tecnolóxico do Mar. Na epidemia de vexigas negras que exterminou en 1893 a boa parte da poboación, levando a moitísimos nenos ás sepulturas do atrio da igrexa parroquial, Mestre colaborou coa casa do concello achegando unha importante suma de diñeiro coa finalidade de socorrer con medicamentos e coidados ás familias da vila. Uns anos máis tarde, alá polo 1902, no conflito da pesca entre os partidarios da traíña e os do xeito, un amplo continxente de mariñeiros mecos -cabezas de familia- foron trasladados ao cárcere de Noia, quedando as mulleres e nenos nun total desamparo. O noso poeta consciente do contratempo social, abriu as portas da casa e as contas do seu banco para axudar a sustentar a máis de 17 familias mentres non foron liberados.

Vida Gallega

Fundou en setembro de 1900 a constitución da primeira Asociación de Mariñeiros do Grove, con preto de mil socios, co propósito de defender aos xeiteiros fronte á introdución das traíñas. A Confraría de Pescadores é a realidade dun proxecto auspiciado na súa orixe por este home que ocuparía o cargo de Presidente Honorífico da Asociación ata a súa morte. Que a néboa do tempo non nos faga esquecer os que tanto lle debemos...