
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de dicir que os illotes do santuario da Lanzada non son da comunidade de montes de Noalla
28 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Despois de catrocentos anos de litixios seguimos neles porque o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de dicir que os illotes do santuario da Lanzada non son titularidade da Comunidade de Montes de Noalla. Pero continuemos, paso a paso, a nosa historia. Vimos contando que en maio de 1692 o crego de San Estevo de Noalla, Juan Antonio Trelles botárase fóra dunha procesión desde a ermida da Lanzada e feito unha hidra, «enfurescido y colérico», plantárase diante dela berrando que da ponte para fóra mandaba el e non pasaba ninguén revestido de párroco sen o seu permiso. O cura de San Martiño, Pantaleón Benavides e Sotomayor, teimudo e fidalgo coma o noallés, recuou para o illote con palios e insignias e, de seguido, apoiado pola Xunta e o Rexemento do Grove, recusou aos xuíces eclesiásticos e presentouse na Coruña clamando xustiza a El-Rei. Este insólito preito das procesións rematou no abril de 1693, cando a Real Audiencia ditou un Auto declarando que no «Santtuario de Nuestra Señora de la Lançada incluio en los términos de San Martín del Grove está probada la posición de que en las procesiones de rrogatibas se pase el puente con la santa ymagen y se lleguen a un crucero que está delante del 15 braças y dando la buelta al derredor del» permitindo ás autoridades grovenses invadir Noalla quince brazas fóra da ponte. O cura Pantaleón Benavides, o alcalde Antonio de Sanromán, os rexedores Domingo de Cambados e Marcos Pérez e o procurador xeral Domingo Daguín, cantaron nova vitoria, porque xa tiñan vencido ao cura anterior de Noalla. Pero desta volta, Juan Antonio Trelles Villaamil, fundador da Casa da Porta do Conde, cabezudo, non se dou por vencido e persistiu no obxectivo final de anexionar o santuario por haches ou por bes. Cultivaba extraordinarias relacións -«capellán y comensal de casa de dicho arçobispo» e «capellán y criado»- co prelado Antonio de Monroy, a quen, a mediados de 1693, foille choromicar que a freguesía de San Estevo era unha miseria por culpa da ermida da Virxe da Area, usurpada polos do Grove porque ata os fregueses de Noalla ían alí á misa, deixando nela todas as esmolas e provocando que quedase «defraudado de sus emolumentos». A curia arcebispal, sabedora de que o santuario da Virxe da Area pertencía daquela a San Martiño, e por moito que o cura do Grove achegou resolucións da Real Audiencia, deu un mandato sibilino que pareceu terrible aos grovenses: Na Lanzada, nos festivos, non se podería dicir misa antes de que se celebrase na parroquial de Santo Estevo de Noalla. Vaites, vaites: unha coitelada para prexudicar aos do Grove, -porque Trelles era quen de poñer na súa parroquial a primeira misa dos días santos, á que había obriga de asistir, ata de tarde- pero cura e rexedores grovenses, espelidos, presentaron recurso ante a Real Audiencia da Coruña contra esa trapallada de Santiago, denunciando que «el dicho Don Juan Antonio de Trelles ganó sin conocimiento de causa auto del Reberendo en Cristo Padre arçobispo de Santiago para que no sse dijesse missa los días festibos en dicha ermita antes que se diga la conventual en la felegresía de Noalla». E fóronse para A Coruña, a seguir en loita diante da xurisdición del El-Rei contra calquera inxerencia no «grande y celebrado santuario de Nuestra Señora de La Lanzada donde muchos romeros naturales, extranxeros y deboctos acuden vessitando su ssantuario a pedir a Dios por medio de Santísima Madre alivio en sus necesidades». Seguimos.