
A Lanzada, na fin do século XVII, non estaba configurada tal como a vemos hoxe, nin xeolóxica, nin histórica nin administrativamente
21 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Vimos relatando o litixio de 1692 entre San Estevo de Noalla e San Martiño do Grove por se as procesións coa Virxe da Lanzada podían traspasar a ponte do illote; transcribiremos para domingo o Auto que rematou asunto tan capital. Ao ano seguinte houbo outro preito, que contaremos, porque o influínte crego de Noalla quedábase sen fieis e sen esmolas, que todos ían para a grovense Virxe da Area. Convén, antes, incidir esquematicamente na entidade histórica da Lanzada, que nin na fin do século XVII estaba configurada tal como a vemos hoxe, nin xeolóxica, nin histórica nin administrativamente. Entre o norte da Toxa e a praia de Foxos vai un areeiro que ben pode ser testemuño xeolóxico dun gran estuario que se foi colmatando, producindo polo camiño un emprazamento propicio para as salinas, das que, despois de Roma, entre os primeiros titulares documentais por cesión real estaba o conde Pedro Theon, de Ardia, vencedor dos normandos en Valga. As transmisións persoais nese estuario poderían explicar que os seus illotes -Cabreira, Toxas ou Louxo, Marma, Tourís e Lanzada, polos que houbo varias porfías- pertencesen á parroquia de San Martiño quizá non por adscripción territorial, senón por outorgamentos de reis e arcebispos e, ademais, polo menos desde a Alta Idade Media, a poboación de Noalla non habitaba esa costa. Antes diso, o solar da ermida e o seu entorno, onde se atopan asactuais escavacións, integrábanse nunha cadea de castros costeiros: a atalaia da Siradella, Os Castriños, Cantodorxo, Xidoiros. Falta todo por investigar e, desde logo, non sei se terá algo de científica a consideración destes enclaves como conxunto complementario. Nesas escavacións acháronse restos de ata o século VIII a.C. e testemuños de comercio marítimo. Non se toparon vestixios do porto que, se cadra, ben podería estar no extremo norte da praia da Lanzada, onde cos temporais fortes descóbrese unha estrutura de pedras aliñadas a modo de peirao, e parece o único sitio posible con algo de calado e medianamente seguro. Os topónimos axudan a entender esa configuración: Madóns, relacionado con rego ou terreo inundado; Tombelo, referido a tómbolo; Vao, lugar de paso; Salinas. A morfoloxía física actual da Lanzada é moi recente e dicíame Juan Francisco Vidal un día destes que na súa casa queda memoria dun bisavó contando que coas nortadas na Lanzada, quizá porque aínda non prendera a vexetación nos areais, formábanse voaxas de area que se depositaban en Ons. É claro que estradas, e construcións desde os anos sesenta, axudaron á estabilización do sistema dunar. Así que naquel tempo do litixio hai que imaxinar A Lanzada no extremo sur, mar aberto, dunha gran enseada. No illote da Virxe da Area, poboado desde antigo, existiu unha estratéxica fortaleza medieval, derrubada sucesivamente por árabes e irmandiños, e que, por exemplo, fora testemuña da batalla entre a raíña Urraca e Diego Xelmírez e controlaba accesos polo Umia e Ulla e cara a Pontevedra. A importancia do enclave contribuíu, na Idade Media, a dar nome á xurisdición da Lanzada, que agrupaba 21 parroquias no que hoxe son O Grove, Sanxenxo, Meaño e Meis, con xuíz nomeado polo arcebispo. O Grove, beneficiario da metade das rendas do santuario, estaba gobernado por un alcalde, un procurador xeral e dous rexedores, un pola terra e outro polo mar que apoiaron ao cura de San Martiño contra o de Noalla neste preito polas procesións, que remataremos de contar o vindeiro domingo. Para empezar con outro polo mesmo.