A renovación do técnico coincide coas saídas do club da base e da pívot por estudos
30 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Rubén Domínguez chegou á dirección do vestiario da A.D. Cortegada na tempada 2013/14. A partir do segundo verán a dinámica veu sendo a mesma. O club tardaba semanas, mesmo o seu bo par de meses, en confirmar oficialmente a renovación do técnico vigués pese a falar del como responsable do seguinte proxecto practicamente desde abril, coa conclusión de cada nova edición da Liga Feminina 2. A tónica este ano non diferíu o máis mínimo, coa volta ao calcetín que a pandemia do covid-19 lle deu a todas as parcelas da nosa sociedade facendo quizais máis comprensible a espera do anuncio oficial.
O vicepresidente e voceiro da directiva do Cortegada, José Gorgoso, daba fe onte do que todo o mundo consideraba xa feito: «Confirmado». Rubén Domínguez adestrará a vindeira campaña o Cortegada, no que será o seu oitavo curso á fronte da franquicia vilagarciá. Sempre na LF2, un intervalo no que o cadro arousán soñou unicamente unha vez con retornar á elite do baloncesto feminino español, naquela final en León virada en contra nuns fatídicos derradeiros cinco minutos fronte ao Movistar Estudiantes.
O oitavo proxecto de Rubén en Fontecarmoa conta co pulo do regreso de Sara Gómez ás canchas. Tras un ano de baixa por maternidade, a capitana e mellor xogadora arousá de baloncesto da historia volverá proporcionarlle ao Cortegada unha baloncestista diferencial. Unha peza de luxo que tanto pode cubrir o posto de base, no que se reconvertera nos últimos anos, como de escolta, no que cubríu a maior parte da súa longa carreira deportiva, que retomará con 34 anos.
Pola contra, Domínguez perde a dúas pezas da pasada tempada, ambas forxadas na canteira vilagarciá: Nuria Chorén e Antía Varela. A base fichou polo Rosalía compostelán para continuar competindo na LF2, á que vén de ascender. A pívot valguesa múdase a Oviedo. Nos dous casos, explican desde o Cortegada, por estudos. Dáse a circunstancia de que Nuria e Antía foran anunciadas hai exactamente un ano como primeiras fichaxes do club vilagarcián para a LF2 2019/20, procedentes do Pío XII santiagués.