A un día da apertura do Fexturrón

AROUSA

MARTINA MISER

Unha pista de 450 metros cadrados e o único tobogán de xeo da provincia son as perlas da cuarta edición en Fexdega

04 dic 2019 . Actualizado a las 20:52 h.

A conta atrás para o Nadal comezará mañá sábado en Vilagarcía coa apertura, ás cinco da tarde, dunha nova edición do Fexturrón. O pequeno parque de ocio que permanecerá aberto ata o vindeiro 6 de xaneiro, ideado catro anos atrás polo goberno local de Vilagarcía para, lembraba onte a concelleira de Promoción Económica, Alba Briones, «darlles un lugar ás familias onde gozar destas datas», e que cada ano pretende ir a máis. Desta volta, «máis pendentes de coidar a decoración, mesmo a estética do exterior de Fexdega modificouse, cun par de sorpresas», anunciou onte Briones a pé da pista de xeo que volverá ser o epicentro da oferta lúdica do Fexturrón.

Máis grande co ano anterior, de 450 metros cadrados, conta ao seu carón cun tobogán que, polo que sabe a concelleira de Cultura, Sonia Outón, é o único de xeo natural da provincia. Polo demais, os habituais escaléxtric, coches eléctricos, camas elásticas, dragón, carrusel ou zona de jumping. Oferta completada con actividades gratuítas, como espectáculos de maxia e contacontos, que Outón salientou na política do goberno local de dispoñer para a cidadanía «unha oferta de ocio e cultural non discriminatoria». Política en paralelo ao entendemento por Ravella de que «os Nadais son cada vez máis motor económico das cidades».

Miro Fernández, socio da firma encargada da organización do Fexturrón, informou das diferentes tarifas dispoñibles para gozar das variadas propostas do Fexturrón, co acceso ao recinto gratuíto.

Entre eles, na zona de xeo, o uso da pista durante 50 minutos, patíns incluídos, custará 7 euros, cun bono de 10 para gozar da mesma toda unha sesión de mañá (11 a 14 horas) ou de tarde (17 a 22). Hai tamén un bono de 54 euros con 10 entradas á pista, prezos especiais para grupos a partir de 20 persoas e centros escolares e asociacións, ou un bono de 5 con seis tíckets para o tobogán. Para o resto das atraccións hai un talonario de 8 tíckets a 6 euros. Ao contrario ca zona de xeo, estas últimas só abrirán de 17 a 21 horas.