Conan viaxa a Vilagarcía con Harry Potter e V de Vendetta nunha gran frota espacial

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O Curtas prologa o seu festival coa apertura de media ducia de exposicións temáticas, unha reivindicando a creación feminina

04 oct 2019 . Actualizado a las 16:31 h.

Se Luis Miguel Rosales e o seu grupo de infatigables compañeiros de tremoia do Curtas fosen estadounidenses, e montasen a súa produción na Comic Con de San Diego -o festival de banda deseñada e das súas derivadas no cine e no videoxogo máis importante do planeta- non sería difícil presenciar a escenificación do descenso de Harry Potter e os seus compañeiros na escola de maxia de Hogwarts do Falcón Milenario, ou da Enterprise, acompañados do contraheroe de V de Vendetta coa súa icónica máscara pelexando contra klingons ou soldados imperiais coa axuda de nada menos que Conan o cimmerio rodeados de mouras, de bruxas e demais personaxes das vellas fragas que na antigüidade cubrían toda Galicia. Pero falamos de Vilagarcía. E en Vilagarcía non é preciso tirar de efectos especiais para facer ver o luxo de ter desde esta semana a media ducia de exposicións temáticas que prologarán a edición 2019 do festival de cine e de banda deseñada da capital arousá. Dúas máis das xa anunciadas pola organización, presentadas onte pola concelleira de Cultura vilagarciá, Sonia Outón, e polo propio Rosales.

Pottermanía é o nome da que ocupa desde hoxe e ata o 24 de novembro o baixo da Sala Rivas Briones para gozo dos amantes do universo do mago de Hogwarts, que poderán ver a un palmo desde vasoiras voadoras á Pedra Filosofal, traxes, orixinais do ilustrador luso Tiago da Silva; ou inmortalizarse nos photocalls co cartel de búscase do Prisioneiro de Azkabán e a estación de tren de King’s Cross, e etiquetar o Curtas coas súas imaxes en redes sociais optando a un peluche de Animais Fantásticos, ou libros da saga en galego

No segundo andar da Rivas Briones as paredes aparecen cubertas con 44 dos orixinais da man de David Lloyd nesa obra culmen do antifascismo que é a novela gráfica V de Vendetta, guionizada por Alan Moore. Unha mostra que só se gozara con anterioridade en España en Barcelona e mais Tenerife. No medio da pranta do andar, o visitante atoparáse coa Gravidade Cero, o nome da gran frota estelar de reproducións de naves icónicas do universo televisivo e cinematográfico a modo de homenaxe polo 50 aniversario da chegada do home á Lúa. Desde as Enterprise e máquinas da Guerra das Galaxias, pasando por a saga Alien, Ulises XXXI, Stargate, a cabina do Doutro Who, Tintín ou Futurama, ademais de 2001: Unha Odisea no Espazo, ou Interstelar.

E no veciño Salón García, agarda Seres Máxicos de Galicia e onde atopalos. Un repaso a través das ilustracións dos vilagarciáns Peter Grind e Nigure polo acervo mitolóxico do noso país, «moito máis rico que calquera fantasía anglosaxona que nos queiran vender», di Rosales, quen confía en que a mostra «anime as novas xeracións a coñecer as súas raíces, e a ler». As catro exposicións inaugúranse hoxe ás 20 horas. e permanecerán abertas ata o día 24 de novembro, agás a de V de Vendetta, que pechará o 5 do vindeiro mes.

Singular repaso ao cimmerio, e Emma Ríos na «Patola Ti»

A apertura das exposicións do Curtas completaráse mañá ás 19 horas no Auditorio de Vilagarcía, coa inauguración de «Conan, Pinceis Bárbaros» e de «Patola Ti». A primeira, con preto de 70 obras a xeito de homenaxe ao personaxe creado por Robert E. Howard e encarnado no cine por Arnold Schwarzenegger de moitos dos maiores autores de banda deseñada de España, como Pasqual Ferry, Salvador Larroca, Carlos Pacheco, Daniel Acuña, David Rubín, Carla Berrocal ou Das Pastoras. A mostra chega da Arnold Expo de Barcelona. A ilustradora vilagarciá Emma Ríos, debuxante Marvel, encabeza a mostra colectiva «Patola Ti», que procura a reivindicación do papel da muller como creadora a través da banda deseñada, da pintura, da escultura ou da fotografía. Ambas exposicións permanecerán no Auditorio ata o 5 de novembro, trasladándose ao día seguinte, e ata o 24 do mesmo mes, á Sala Rivas Briones.