Soñando a arquitectura presente e futura

AROUSA

MARCOS MÍGUEZ

Alvaro Siza recollerá hoxe en Castrelo o premio que outorga a Fundación Manolo Paz, nunha xornada para falar e pensar

29 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ademais de ser un lugar excepcional para desconectar do mundanal ruido e tomar terra, a Fundación Manolo Paz quere ser tamén un espazo de diálogo, de debate, de contraste de ideas e de reflexión. Por iso, cada ano, dende hai catro, celébranse neste rincón máxico de Castrelo unhas xornadas nas que se profundiza sobre diversos temas. Desta volta toca falar de arquitectura e de deseño. E para iso, contará a Fundación cun invitado de excepción. Falamos do arquitecto Álvaro Siza, que ás doce da mañá ofrecerá unha conferencia. Tamén recollerá un premio, ben merecido, pola súa traxectoria e, en particular, polo importante traballo que desempeñou en Galicia, onde o parque de Bonaval en Santiago de Compostela é «un modelo de respecto no tratamento da paisaxe urbana», segundo sinalan desde a fundación.

Estes actos arredor da figura de Álvaro Siza completaranse cunha mesa redonda sobre deseño en Galicia e o norte de Portugal, así como coa presentación da primeira edición da Porto Design Biennale, que será inaugurada durante o mes de setembro nas cidades lusas de Oporto e Matosinhos. A xornada, en Cambados, promete ser toda unha experiencia.