Durante o sábado, a praza da Segunda República serviu de escaparate para o traballo dun bo feixe de creadoras
09 jun 2019 . Actualizado a las 19:13 h.Festivala naceu coa vocación de se converter nun escaparate dende o que facer visible o traballo de tantas e tantas mulleres creadoras que hai ao noso arredor. Onte, na praza da Segunda República, este evento organizado polo colectivo O Soño de Lilith, coa colaboración do Concello de Vilagarcía, volveu dar cumprimento a ese mandato. Un bo feixe de artesás despregaron nese espazo -máis luminoso aínda que de costume- o seu traballo. Cada unha das mesas que ocupaban, cada unha das perchas das que colgaban o seu traballo, berraban que en Festivala hai espazo para mulleres tan diversas como as súas creacións.
Así que o paseo polo recinto permitía botarlle un vistazo a complementos para as mulleres que teñen bonitas melenas. A bolsos de coiro e teas africanas firmados pola incansable Maga. A camisetas nas que agroman alecríns dourados. A delicados tocados para mulleres que están a piques de casar. A roupa responsable e bonita con estampados de Cestola na Cachola. A carteiras veganas elaboradas con vellas rodas ou aos produtos alternativos ao plástico de Huella Menguante... E a moitas cousas máis.
Entre visita e visita, houbo ocasión de acudir a talleres de linguaxe de signos; á presentación dun libro sobre a dobre discriminación que sofren as mulleres negras; a conta contos feministas, a unha sesión vermú con Brassica Rapa e Señora DJ...
E logo, despois de toda unha xornada reflexionando, escoitando e falando sobre a diversidade e toda a riqueza que xera, chegou a hora de entregarse á música. Había que trasladarse á praza da Peixería para gozar dos concertos programados polas organizadoras e que incluían dende As Antonias, encargadas de levantar o telón, ata o peche con Señora DJ. Polo medio, Amparito, Flow do Toxo e Agoraphobia.