A chegada do home á Lúa e o espazo, xunto a Harry Potter no cartel do Curtas

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

O festival de cine e de banda deseñada celebrará os 50 anos daquel gran paso da humanidade

27 may 2019 . Actualizado a las 13:46 h.

Cando o pasado 6 de decembro os responsables do Curtas desvelaban a elección do universo de Harry Potter como protagonista da súa edición 2019, coincidindo co vixésimo aniversario da publicación do primeiro libro dunha das maiores sagas na historia da literatura fantástica, Luis Miguel Rosales e os seus compañeiros á fronte do festival de cine e de banda deseñada de Vilagarcía colmaron de felicidade a lexión de fans do xove mago nacido do maxín de J.K. Rowling. Desde hoxe a bo seguro serán moitos os entusiasmados coa noticia de que o Curtas 2019 será multiversal. O seu máximo responsable desvelou que o festival deste ano contará non con un, senón con tres grandes bloques temáticos. O dedicado a Harry Potter. Un segundo destinado aos seres máxicos de Galicia. E un terceiro centrado na exploración espacial e a súa relación coa ciencia ficción co gallo dun quincuaxésimo aniversario da chegada do home á Lúa que servirá de pivote argumental.

O certo é que os guionistas do Curtas deron unha pista do máis elocuente cando o 1 de abril informaban nas súas contas en redes sociais da «posta en marcha dun concurso de modelismo estático de temática espacial e de ciencia ficción -o prazo de presentación segue aberto-» co gallo de tan singular efeméride. Os seus finalistas terán a oportunidade de incluír as obras presentadas nunha frota estelar de máis dun cento de figuras de modelismo das máis famosas naves espaciais da historia da ciencia ficción cinematográfica. Desde a inquietante máquina manexada polo expeditivo HAL 9000 de 2001 Unha odisea no espazo, ata todos e cada un dos modelos do Enterprise ao longo das cinco décadas da saga Star Trek, pasando pola Nostromo que aniñou o Alien: O oitavo pasaxeiro ou diferentes modelos do universo Star Wars e de series antolóxicas como Buck Rogers no Século XXV.

O Auditorio, espazo expositivo

«Queriamos recuperar en Vilagarcía unha actividade que nos encantaba, e da que eramos asistentes asiduos, a feira de modelismo Modelama, que se facía na Sala Rivas Briones», explica Luis Miguel Rosales.

Dada a necesidade de dar cabida ao mesmo tempo a unha frota de máis dun cento de maquetas de naves espaciais, a exposición que o Curtas está a preparar sobre o universo de Harry Potter e a maxia en xeral, e a referida aos seres lendarios galegos, e ante a posibilidade de sumar algunha outra mostra; os responsables do Curtas pecharon co Concello de Vilagarcía o uso este ano non só do Salón García, senón tamén do Auditorio.

Volvendo ao bloque espacial, o festival de cine e de banda deseñada de Vilagarcía confirmou tamén o primeiro dos seus convidados. Trátase de Álex Riveiro, un dos divulgadores científicos máis sobresaíntes do país, salienta Luis Miguel Rosales. Afincado en Madrid pero pontevedrés de nacemento, Riveiro ofrecerá en Vilagarcía unha charla didáctica sobre a historia da carreira espacial e a chegada do home á Lúa.

Vilagarcía contará en outono con máis dun cento de réplicas das naves máis famosas da historia da ciencia ficción no celuloide

Recibidos xa preto de 2.000 traballos cinematográficos e de videocreación

O enorme crecemento e a extraordinaria capacidade de Luis Miguel Rosales e do seu equipo de enriquecer o produto nos últimos tres anos ensombrece ás veces o tronco do Curtas, versión actualizada, se se quere 4.0, do decano dos festivais de cine de Galicia.

De cara á súa 47ª. edición, a que se celebrará este ano do 25 de outubro ao 3 de novembro, a organización recibíu xa preto de 2.000 traballos para o seu concurso de curtametraxe, longametraxe, documental e videocreación tras abrir o 1 de abril o correspondente prazo. O ano pasado o Curtas rexistrou máis de 4.000.

Os seres mitolóxicos galegos, terceira pata da edición, con certame literario e de ilustración propios

A intención dos organizadores do Curtas é envolver a súa edición 2019 de maxia, moito máis aló, conta Luis Miguel Rosales, do mundo de Harry Potter. Reservándolle un espazo temático propio ás criaturas fantásticas galegas, e onde atopalas. Nesa liña, o 1 de abril o festival vilagarcián abría o prazo de presentación de relatos e de ilustracións sobre a temática. O primeiro, continuando a veta literaria iniciada o ano pasado polo Curtas, e que os seus responsables pretenden consolidar. Con este fin, Xosé Duncan, escritor galego de xénero fantástico, pasa de convidado a ocupar a coordinación da nova rama literaria do festival. Os traballos recoñecidos serán recompilados nun volume que se presentará durante o Curtas 2019.

Nekro asina o cartel deste ano, outra peza de coleccionista saída do evento

O Curtas 2018 contou con dous obradoiros de auténtico luxo. Un, impartido por Ariel Olivetti, un dos mellores portadistas do mundo do cómic. Outro, a cargo de Nekro, o ilustrador grovense que cos seus inconfundibles deseños barrocos, fíxose un nome entre as mellores editoriais do planeta. Nekro, que tamén contou o ano pasado cunha exposición da súa obra no marco do Curtas, volverá en outono ao festival. Só que desta volta para explicar a composición que servirá de imaxe da cita, coa maxia transcendendo as marxes da composición. Un cartel desvelado por Luis Miguel Rosales, convertido xa nunha nova peza de coleccionista xurdida do evento vilagarcián.