Instrucións para versionar a Rosalía en clave reggae

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

A banda chegada da fin do mundo, da Costa da Morte, practica unha combinación de rock, swing e soul que non rifa coa súa alma eminentemente folkie. A súa reinterpretación de «Cantarte Hei» é xa todo un himno

05 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Hai moita xente que ten ganas de liberarse. Que non fai unha cousa ou outra porque non quere dar unha imaxe tal ou cal. Pero nós, nos nosos concertos, o que queremos é que a xente sexa quen quere ser, que se libere». Adhara Caamaño, metade de Lira (Carnota) e metade da Ameixenda (Cee), conta con estas palabras cal é o espírito da formación musical á que lle dá voz e nome, Adhara&Ritman, integrada tamén por Tito Barbeiro (Tito Ritman, voz, guitarra e harmónica), Arturo Krest (batería e percusión) e Andrés Castro (baixo). Podería dicirse que acabaron xuntos por unha serie de encontros e causalidades, YouTube e gravacións de por medio, contaxiándose uns do proxecto dos outros. Primeiro Adhara e Tito, logo Arturo e tamén Andrés. Van dous anos de traxectoria xuntos e Adhara confesa que, máis alá da estrutura de ensaios e concertos que teñen, o que pesa para ela é a formación dunha «pequena familia» cunha prioridade clara: «Gozar do que facemos».

Libre Son, primeiro traballo discográfico, ten alma de folk, de raíces galegas, pero tamén de música latina, reggae, swing, soul ou rock. «Non che podo dicir que se mercas o disco vas ter isto, ou isto outro, porque vas ter todo iso», di Adhara. É un xeito de explosión -esa liberación da que falaba ao inicio- que inclúe dende versións de poemas -como algún de Rosalía- ata temas propios, tanto de Tito como da carnotá. Da padronesa, Cantarte Hei a modo reggae foi case o inicio de todo: «Para min é un himno. Estame dicindo que vou cantar na miña lingua». Primavera tamén envolve. «Ao mellor son poemas que xa lera, pero nos que á oitava, novena ou décima vez atopo algo, transmíteme algo. Rosalía é moito máis ca Negra sombra», reivindica.

Elas, as mulleres, teñen moita presenza nas partituras do grupo. Adhara faise chamar A Cuncheira de Sofán, un alcume que tomou prestado de súa avoa e que lle dá nome a un dos seus temas propios. Libre Son, sobre a liberdade das mulleres, e Por Elas, que probablemente dará título ao novo traballo discográfico, son outras.

Os concertos

Mes tras mes foron ofrecendo e sumando concertos, versión acústica ou eléctrica segundo toque. Un dos máis inminentes será mañá en Corme (22.30 horas, praza da Ribeira), dentro do programa do Poboado Navideño Mariñeiro deseñado pola concellería de Turismo. «Corme é para nós a nosa segunda casa», di Adhara: «Foi un dos primeiros sitios onde tocamos, un dos primeiros sitios onde confiaron en nós, cando aínda ninguén nos coñecía. Non se pode estar máis agradecidos». Xa teñen pasado por dúas feiras mariñeiras e agora tocará a ponte de Nadal. É máis ca pezas o que ofrecen nos seus concertos, conta. Mesmo con cambios de vestiario de por medio e ata con queimadas en directo se a situación se presta, o que pretenden é que «a nosa música sexa participativa». Que o público se involucre élles o máis gratificante.

De luns a venres, Adhara vive agora na Coruña, pero na fin de semana volve a Carnota e asegura que non hai cousa que máis lle preste que a unión da xente, a convivencia, os encontros, «que a xente fale». É por iso que cando chega á terra e ve xente «que saíu da casa!» para ir aos seus concertos... «Uf!» Está especialmente contenta pola actuación deste próximo sábado en Carnota, xa que acompañará o nacemento dunha nova asociación, Vintepicopés, dando acubillo a iniciativas culturais, musicais...

Pés na terra, alma na música

Gustaríalle nun futuro poder vivir só da música, pero de momento «temos os pés na terra». Mentres ese intre non chegue, haberá que seguir cadrando axendas, pero xa co orgullo da intensa xira feita: «Isto -conclúe Adhara- chegounos a dentro».

«Libre Son» é o primeiro traballo dun grupo que ofrece versións

e temas propios

«Nos concertos queremos que a xente sexa quen quere ser, que se libere», di Adhara