O Céltiga apela ao apoio masivo do «pobo loitador» da Illa mañá domingo para axudar o equipo da vila a asegurar a permanencia na Terceira
12 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O Céltiga xogará mañá o partido máis importante da tempada. O que o enfrontará no Salvador Otero (18 horas) na derradeira xornada de Liga a un Ourense C.F. sen máis aspiración que poder mellorar o seu actual oitavo posto e rematar non máis aló do sexto. Defender a decimoterceira praza, e manter a sete equipos por debaixo na clasificación final, é o obxectivo do conxunto que dirixe Manolo Núñez de cara a evitar ser arrastrado á Preferente polo devalo da marea galega na Segunda División B. E mentres o plantel arousán se dedicou a traballar o partido no céspede do Salvador Otero, o vicepresidente e voceiro da directiva do Céltiga, Álex Zels, lanzou onte un berro aos catro ventos da Illa, convocando o pobo dos carcamáns. Tirando dun «¡Todos a Testos -lugar no que se asenta o campo de fútbol do club-!» para encher as gradas do terreo de xogo e contar con outra mostra da «recoñecida solidariedade do pobo illense en cada un dos distintos episodios que teñen sucedido neste concello e na comarca ao longo dos tempos», di Zels.
«Ben sabida é a importancia deste encontro para os intereses do Céltiga, pola permanencia na Terceira, non só a nivel deportivo, senón tamén pola dimensión da presenza deste humilde equipo de pobo mariñeiro polas terras galegas adiante». Por iso, o vicepresidente e voceiro do club di estar «convencido do apoio unánime» dos veciños ao seu equipo de fútbol, apelando a ese sentimento colectivo de tribo orgullosa do seu e dos seus como poucos municipios de Galicia xa: «Somos un pobo loitador, que consegue as súas metas a través do duro traballo e a dedicación, sen necesidade de recompensas nin de recoñecementos, pero coa mentalidade de afrontar os retos a través do seu esforzo desinteresado e solidario».
Agardando que sexan moitos os illenses que acudan ao berro de «¡Todos a Testos!», Álex Zels quere «agradecer desde a dirección do club o apoio incondicional dos seus socios durante toda a campaña, coas súas ilusións e decepcións, pero a pesar de todo, co orgullo do seu equipo de competir como un máis entre os grandes».
Nas oficinas do Salvador Otero confían en que «a pesar de que non dependemos só de nós -polos arrastres galegos desde a Segunda B, entre dous e catro por concretar mañá-, e da mala sorte que nos acompañou durante toda a tempada, fagamos todo o posible pola parte que nos toca para conseguir que o nome do Céltiga e da Illa sigan a lo menos unha tempada máis na Terceira».
Núñez deberá inventarse un lateral esquerdo e completar a lista cun xuvenil
Contar cun poderoso e entregado xogador número doce resultaría sen dúbida dunha grande axuda para o Céltiga na súa final de mañá fronte ao Ourense C.F. Porque máis aló da entidade do rival, con tan só unha derrota nas dez xornadas precedentes, co campión Compostela (3-0), e na procura da que sería a súa cuarta vitoria consecutiva -3-2 sobre o Cultural Areas, 1-2 en Somozas, e 2-1 ante o Barco-; Manolo Núñez volve ter que lidiar outra semana co problema das numerosas baixas derivadas da chea de amonestacións recibidas no treito final da Liga polo conxunto arousán.
Núñez recupera para o derradeiro encontro da tempada a Capi, Manu e Nico, os tres sancionados a pasada xornada, pero perde polo mesmo motivo a Ángelo e a Christian, que se suman a un Marcos que cumpre a súa segunda e última xornada de sanción a raíz das súas protestas no túnel de vestiarios da Lomba. Tres baixas ás que se engade a lesión de Sabino, que no adestramento do xoves sufríu unha contratura nun bíceps, no seu enésimo problema muscular desde a súa chegada no mercado de inverno ao vestiario do Salvador Otero.
Obrigado a completar a súa última lista da tempada cun xuvenil, algo que xa tivo que facer seis días atrás, a maior preocupación do adestrador do Céltiga era onte como resolver o oco no lateral esquerdo ante a ausencia obrigada de Christian. Sobre todo, porque non quere perder o que Suso lle proporciona ao equipo en ataque.