Iria Ribadomar: «Sempre busco darlle visibilidade á muller»

AROUSA

cedida

Propuxéronlle facer o cartel das festas da Ascensión de Santiago; o resultado é unha imaxe cargada de intención

02 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando lle propuxeron facer o cartel das festas da Ascensión de Santiago, Iria Ribadomar aceptou o reto. «O primeiro que me veu á cabeza foron os carteis das festas de hai cen anos. Eran carteis moi traballados, moi artísticos, con moita ilustración». Pero non estamos cen anos atrás, e Iria Ribadomar, amante confesa da estética do Modernismo, sábeo ben. «Obviamente non quería facer un cartel antigo. O que quería era mesturar tradición e modernidade». E aí está o resultado. Unha muller colocando o alumeado festivo, con Compostela ao fondo.

É, a todas luces, unha proposta diferente. «Son as festas da Ascensión, e pensei nese concepto, de ascender, de subir, e quixen darlle unha visión laica. Así que fun pensando en situacións cotiás». Ata chegar a esas luces que, dende o alto, anuncian que hai festa. ¿Como non colocalo no cartel? Diso encárgase unha operaria, unha muller. «Tiña que colocalas alguén, e a miña primeira opción foi unha operaria. ¿Por que non? No meu traballo sempre busco darlle visibilidade á muller, convertela nun suxeito activo. Nos carteis modernistas sempre aparecía, pero como un floreiro».

Xa temos á muller. A muller que traballa subida nun guindastre para iluminar a cidade. Esta xorde por detrás. «O fondo son siluetas da cidade. Están as torres da Catedral e o perfil da zona vella de Santiago», explica a autora do traballo. Recortadas contra o ceo vense, tamén, as árbores da alameda compostelá, e a enorme nora que xa forma parte do universo da Ascensión.

Aínda que está encantada coa acollida que o seu cartel está a ter, Ribadomar segue co seu traballo. Vén de rematar a colección deste ano de Deica!, un proxecto de ilustracións que xa lle ten dado máis dunha alegría. Súa é, por exemplo, a revisión da Serea de Castelao: unha muller, con botas de auga e mandil de traballo, co cabelo ondeando no vento e un xesto de decisión no rostro. Unha muller que leva unha fouce nunha man, e o escudo de Castelao na outra. Unha muller que ben pode vivir do agro ou do mar. «Quixen facer unha actualización dun símbolo moi potente de Castelao no que a muller, outra vez, tiña un pouco un papel decorativo. Quería darlle a volta». E vaia se lla deu: a imaxe da nova e combativa serea foi un éxito rotundo. «Moita xente, cando a ve nas feiras ás que vou, sorpréndese. Como se pensaran que aparecera sen máis, que ninguén a creara».