«Hai que aprender a vivir coa velutina»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

Emilio Moldes

Axudada por un clima que lle é propicio, a nespra asiática está a ocupar novos espazos en Galicia

10 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Como membro do grupo de voluntarios de Pontevedra para a erradicación dos niños da velutina, o presidente da comunidade de montes de Campañó, José María Domínguez, dirixirá esta tarde unha xornada didáctica sobre esta especie invasora na Casa da Cultura desta parroquia pontevedresa. «Imos explicar a procedencia da avespa asiática, falar do que hai que levar ao monte si un é alérxico, e abordar a prevención que hai que facer, por exemplo, antes dunha tala de árbores. Temos o caso dun veciño de Campañó que marchou para Montecelo ao talar unha árbore no que había un niño», sinalou con respecto á charla de hoxe.

-¿Cal é o problema real da expansión da velutina?

-Independentemente do problema que está a crear á apicultura, que é gravísimo, so en Francia eliminou máis do 80 % das colmeas, a velutina está xerando un problema na agricultura como na polinización. Non só acaban coas abellas, senón que acaban con todo tipo de insectos que polinizan e a avespa asiática apenas poliniza nada. Ademais, gústalles moito a froita... A mazá, a uva, a pera e, incluso, a laranxa. Este ano moi pouquiña xente colleu peras na zona onde está a velutina.

-¿É esta unha batalla perdida?

-Non. As batallas só se perden cando un non pode máis. O que estamos facendo neste intre é paliar danos. Como non hai un medio co que combatelas que sexa eficaz, agás a retirada de niños e os trampeos que facemos, pois, de momento, temos que aprender a convivir con ela e minimizar do mellor xeito os danos que poidan producir.

-Teño entendido que a climatoloxía non está axudando en nada a combater esta praga.

-Efectivamente. Nesta época do ano, esta especie tiña que ter rematado o seu ciclo de reprodución e as raíñas terían que ter morto e, polo contrario, sabemos que aínda está nacendo algunha obreira e aparte aínda están a saír as raíñas. A expansión da velutina, como provén dun clima monzónico, é maior con temperaturas de entre 12 e 30 grados, que son xusto as temperaturas que estamos tendo nós.

-Polo que dí, fronte a isto, so caben as trampas e as retiradas de niños, ¿non?

-Si. Sería importante dispor dun método para localizar os niños. A partir de agora, sería o momento do trampeo porque o obxectivo é cazar raíñas. Cada unha que se cace é unha colonia que evitamos. A velutina ten de media cada ano unha expansión de dez enxames por cada niño. Se acadamos que so sexan cinco, pois moito mellor. Deste xeito, en lugar de aumentar o seu territorio en cincuenta ou cen quilómetros cada ano, pasaría a ser duns vinte quilómetros ao ano.

-Deste xeito, vaise acadando un tempo para tratar de localizar unha solución que permita erradicar este insecto.

-Vai ser moi complicado atopar unha solución. Estanse facendo estudos na Universidade de Vigo ou a nivel da Xunta, están implicados na loita os propios concellos... Estase intentando facer cousas, pero é moi complicado. Por exemplo, inténtase sintetizar as súas feromonas e non está habendo resultados efectivos.

-A nivel de Pontevedra, ¿como se está a traducir esta loita?

-En Pontevedra, somos vinte e cinco voluntarios divididos en cinco zonas que traballamos de xeito altruísta. O Concello financia os materiais e medios. Entre que nos chaman e retiramos un niño soemos tardar entre tres e cinco días, e os eliminamos todos agás aqueles que están a demasiada altura. E chegamos ata trinta ou, incluso, trinta e cinco metros. Na nosa zona podemos levar máis de setenta colonias eliminadas e no concello levamos más de trescentos en pouco máis de dous meses.