«Os límites do humor están máis no receptor que no emisor»

O cómico de Carral afronta en solitario «Monólogo dun imbécil», unha obra que recibiu o Premio Max no 2003


?Están a venda as entradas para a obra do cómico Xosé Antonio Touriñán o venres 27 de xaneiro no Teatro Afundación. Trátase de Monólogo do imbécil, un texto de José Prieto que recibiu o Premio Max de Teatro en 2003.

-¿Non é un pouco arriscado un titular semellante?

-Imbécil pode ser unha persoa impresentable, pero tamén pode ser alguén pouco listo e que lla xogan sempre. O meu personaxe é máis deste pau. É un tipo que non ten sorte na vida e todo o mundo lle di imbécil ata que case o acaba crendo. Despois de ver o monólogo, o espectador non sabe moi ben se o imbécil é el ou os que poñemos o cualificativo.

-¿Foille complicado subir só ao escenario?

-Neste caso, que é un monólogo teatral cun texto previo que custoume metelo na cabeza, é complicado. É unha hora de espectáculo na que está todo escrito e hai que dicilo como está escrito. Ao estar só no escenario e non haber ninguén en quen apoiarse faise máis complicado; cando vou con outro actor, coma no caso de Curtis, tes un salvavidas ao lado. Para min é máis divertido traballar con outro actor, pero neste caso quedou un traballo chulo.

-¿Foi unha especie de proba para vostede como actor?

-Si, pon a proba a miña capacidade como actor. Ao final, o traballo dun actor é ir facendo cousas e preparándose para un día, non sei cando, ser un bo actor. Esa é a miña intención. Hai que probar cousas, estar en zonas de no confort para ir medrando e ir aprendendo e coñecerse mellor a un mesmo.

-¿Valora a posibilidade de abandonar ocasionalmente o humor para probar outros xéneros?

-Depende do traballo, pero na miña situación actual sería complicado abandonar o humor, algo que non me apetece tampouco. Eu estaría encantado de que me chegasen outras propostas. Esta é unha profesión moi chula porque te permite facer cousas distintas a diario.

-¿A través do humor pódese falar de calquera cuestión?

-Eu creo que si. Iso xa non está en quen o conta senón en quen o recibe. A maneira máis suave de entrar en calquera tema é a través do humor. Nós acabamos de rematar un espectáculo que é Curtis e Teixeiro, que se baseaba en iso, en situar os límites do que se pode contar enriba dun escenario e onde están os límites do humor. Eu creo que está máis no receptor que no emisor. Creo que todo se pode contar e é máis fácil de contalo dende o humor.

-¿Persíguelle o éxito das súas personaxes televisivas?

-É beneficioso para min. A popularidade miña ven dada polas cousas que fago na televisión; que che vexa un montón de xente na tele é bo para que despois cando vas ao directo se encha o teatro. Unha porcentaxe grande ven esperando ver o que ve na televisión, aínda que aquí é distinto, pero ninguén queda decepcionado. É unha vantaxe profesional, aínda que a nivel persoal hai que ter coidado de non facer cousas raras porque todo o mundo che coñece. No meu caso, todo o mundo me demostra moito cariño e eu estou encantado.

-¿Como foi a experiencia de El Club de la Comedia?

-Foi un máis, aínda coa dificultade relativa de facer un anaco dun espectáculo en outro idioma, porque eu falo e penso en galego sempre. Estiven un pouco nervioso cando arrancamos, pero disfruteino moito. Estou moi contento, especialmente porque a xente de aquí estea orgulloso do que eu fun facer a Madrid, porque temos as veces un sentimento de inferioridade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Os límites do humor están máis no receptor que no emisor»