A curiosidade convertida en colección

C. Pereiro

AROUSA

Héitor Picallo, con algúns dos seus tesouros, en forma de fósiles e libros.
Héitor Picallo, con algúns dos seus tesouros, en forma de fósiles e libros. c. pereiro< / span>

O amor pola cultura levou a Héctor a buscar fósiles, minerais e primeiras edicións de libros

11 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai persoas que desprenden certa sabedoría. A cultura, que parece cotizar á baixa hoxe en día, é a pedra angular na vida de Héitor Picallo (Cuntis, 1974). Son tantos os temas que saca ao sentarse que un pode chegar a atoparse totalmente engaiolado. Non só os saca, se non que parece dominalos coa soltura que só outorga o gusto por algo. Non é estudar, é amar.

Héitor é enxeñeiro naval, «un home de ciencias puras» coma el mesmo comenta. Sempre sentiu curiosidade pola química, a física ou as matemáticas, e xa dende pequeno comezou a coleccionar minerais e fósiles. «Pode que todo xurdira nas clases de ciencias do colexio. Tería dez anos cando comecei a ter estas inquietudes. Eu non era de familia de carpinteiros, nin de xente con habilidades para facer un caixón, compartimentalo e gardar as rochas, así que nas caixas de panos de mans, que son de cartón cunha especie de plástico por riba, ía pegando no seu interior caixiñas de mistos e forrábaas de feltro vermello. Así era como gardaba as rochas», recorda Picallo.

Pouco a pouco a colección foi crecendo. Primeiramente coas que el atopaba nos camiños, no colexio e no campo, logo, os coñecidos xa lle traían doutros lugares do mundo. «Algún veciño tiña certa sorna e regalábame un cacho de adoquín da rúa», bromea. «Logo xa te fixas máis, coñeces os tipos que hai, estudas as formas de cristalización. Vólveste un pouquiño friki e queres conseguir un seixo afumado, non gris, se non negro e... a ver, créaste un pasatempo, como todo o mundo ten. Outros compran cromos, eu busco rochas».

Paralelamente, os fósiles fan acto de presenza e inicia a súa recolecta. «Para atopalos tes que ir aos desertos. Se hai unha faia nel, moi probablemente atoparás restos fósiles. Do Sahara podes volver con lapas, moluscos bivalvos... Colles unha peciña, nada de arrasar con todo», incide Héctor. Lembra que o primeiro foi un agasallo do seu profesor de solfeo. Procedía do Mont Blanc. «É un caracol contemporáneo, pequeno. Tamén os teño antigos, máis curiosos, coma un amonites, un antepasado do caracol, da zona de Marrocos».

Recoñece que a súa obsesión fósil son as orthoceras, antigos cefalópodos de hai 200 millóns de anos. «Non son moitos anos. Son unha ?pijada? en comparación á idade que ten a Terra», comenta cun sorriso. Coa asociación O Fervedoiro, da que forma parte, fai unha exposición para os nenos de Cuntis, dende hai dez anos, no propio colexio.

Dun tempo a esta parte, «a ciencia non o é todo, por iso hai que darlle a tódolos paus para tratar de equilibrar o cerebro», Héitor tamén adquire primeiras edicións de libros. Algúns son auténticas xoias literarias, pequenas obras de arte que hai que gardar con coidado e cariño.

«Teño unha boa colección de dicionarios galegos a outros idiomas. Ao castelán, ao portugués, ao croata...», aínda que apunta que non é que domine moitos idiomas, pero sente moita curiosidade pola sonoridade diferenciadora de cada un. «Téñolle un certo cariño aos libros da editorial Lar. Posúo a primeira e a segunda edición do seu dicionario».

«Hai obras realmente difíciles de atopar. Teño unha de Leandro Carré Alvarellos da que só vin a miña en Galicia. As cruces de pedra na Bretaña, de Castelao, pode atoparse máis doadamente pero claro, o seu estado é moi variable», explica o coleccionista.

Héitor vai sacando libros e libros da caixa que o acompaña. Está claro que non todos os tesouros brillan ou báñanse en ouro. «¿Un libro asinado por Castelao? Ao mellor falaríamos de 6.000 euros. Eu non teño ningún así, tampouco eses cartos, pero si teño primeiras e segundas edicións das súas obras».

Recorda ter roto algún fósil durante un traslado ou danar algunha cuberta. «Non queda outra que botar as mans na cabeza», ri Picallo. Hai que pensar que nalgúns libros, pasa as páxinas con pinzas. «Todo o mundo ten obsesións. Estas son as miñas», despídese o coleccionista, mentres garda os seus tesouros.