O camiño de volta

La Voz

AROUSA

Por estas datas, hai uns tres anos que abrín unha paréntese na miña presenza activa na política local vilanovesa ao ser nomeado presidente de Portos de Galicia. O tempo transcorrido proporciona a suficiente perspectiva para poder reflexionar sobre diferentes cuestións desde a experiencia de doce anos de concelleiro en Vilanova, oito deles como vicepresidente da Deputación de Pontevedra.

Foi unha grande honra servir os meus veciños, sendo o exercicio desa función unha magnífica experiencia política. Así mesmo, cómpre afirmar que a proximidade cos cidadáns é fundamental á hora de encarar os problemas e buscar as solucións máis axeitadas. Entendín as miñas funcións en Vilanova como un permanente exercicio de dispoñibilidade cara os veciños. A vertebración social dun concello como Vilanova é sempre un obxectivo a conseguir e preservar e non algo a soportar con indisimulada resignación. Lamento que haxa quen o entenda deste último xeito e se achegue a esas entidades só desde a perspectiva do oportunismo. Os concellos, como administración máis próxima os cidadáns, necesitan, absolutamente, do dinamismo que xurde da mesma sociedade que lles sirve de base. A pluralidade innegable dunha comunidade como a vilanovesa debe estar recoñecida e dispor, sempre, da necesaria interlocución institucional. A traballar con colectivos culturais, deportivos, sociais, veciñais... dediquei moito tempo da miña actividade pública e foi do máis gratificante como político e, sobre todo, como persoa. Aportei modestamente o que puiden pero recibín moitísimo máis.

A participación e o compromiso social ou político compre que estea rexido desde formulacións de ilusión e débese transmitir a cotío. Tamén a función representativa ten que estar impregnada dese factor, como combustible indispensable para levar adiante un reto como é dirixir un concello. Do contrario parece que se vai a remolque das circunstancias ou, o que resulta aínda peor, que se está nunha responsabilidade só porque non se ten posibilidades de ocupar outra.

O aspecto ilusión está, á súa vez, intimamente relacionado con algo que está, desde hai un tempo, en debate na sociedade. Refírome á conveniencia ou non da permanencia prolongada nos cargos públicos. A ninguén se lle escapa que as enerxías, ideas, frescura, mesmo coraxe coa que alguén chega á política vai decaendo cando se acumulan lustros de exercicio do poder. A renovación é algo consustancial en estas situacións. De todos e coñecido que as empresas necesitan, de cando en vez, executivos de refresco con novas ideas, ánimos... Hai uns meses abandonei as miñas funcións directivas no PP vilanovés porque entendín que vinte anos son demasiados para estar nun mesmo cargo... Lonxe do meu ánimo servir de exemplo a ninguén pero, como se adoita dicir, o movemento demóstrase andando. Hoxe son un simple afiliado. Nada máis pero tampouco nada menos.

E estética do esperpento

A sociedade evoluciona de xeito vertixinoso, a globalización mediática grazas ao fenómeno das redes sociais fai que calquera cousa, por insignificante que semelle, teña unha relevancia descomunal. As veces «sobresáltanme» novas sobre o meu concello que son máis «chascarrillos», feitos pintorescos e mesmo saídas de ton que coido deberan evitarse. O esperpento débese referir sempre á estética valleinclaniana. A seriedade é un valor fundamental a preservar dada a exemplaridade propia da función pública.

Eu que sufrín, como voceiro do grupo municipal popular, igual que outros compañeiros, etapas de crispación na política local podo afirmar con rotundidade que serían desexables menos estridencias, que non levan a ningunha parte porque a meirande parte dos veciños as rexeitan e so serven para «contentar» a catro hooligans. A confrontación sistemática como modo básico de acción política réstalle posibilidades de acordo e converxencia as diferentes sensibilidades dunha sociedade. A harmonía dentro da lexítima discrepancia política e unha aspiración a conseguir.

Tres anos despois sigo crendo no porvir de Vilanova, un futuro a construír desde o acordo, a tolerancia e o respecto mutuo. Nesa empresa estou sempre a disposición dos veciños porque a gratitude só con gratitude se paga. Eu son un grande debedor do afecto e o apoio recibido. Aínda que ostento, hoxe por hoxe, unhas importantes responsabilidades lonxe de Vilanova e hai un firme compromiso coas mesmas, non desboto nin o farei nunca volver á política municipal. Como é sabido nunca ocultei ese desexo, para completar unha tarefa iniciada hai moitos anos. Non hai máis grande honra para unha persoa que participa en política, se adoita dicir, que ser alcalde do municipio que o veu nacer. Ademais é a miña íntima ilusión. Todas as persoas, nalgún momento da súa vida, emprenden un inexorable camiño de volta.