Os vendedores están satisfeitos coas obras, pero quedan cousas pendentes
12 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Os comerciantes da praza decatáronse hai uns anos de que tiñan que tratar de dinamizar as instalacións se non querían que decaesen. Crearon entón unha asociación na que están apuntados a maior parte das preto de oitenta persoas que traballan na praza. Estes días están de estrea.
-¿Contentos coas obras?
-Eu penso que a maioría do sector si está contento. Como en todas as cousas, sempre hai xente á que non lle gusta, e ademais creo que as formas nas que se fixeron as cousas igual non foron as apropiadas, porque nós demos unhas ideas, que somos os que estamos todos os días traballando alí, e non as colleron. Pero, aínda que pode ser mellorable, estamos bastante contentos. Nun principio había un proxecto moi grande de Mercasa, pero nós tampouco estabamos moi de acordo con el, porque nos parecía moita cousa, e se non había cartos para facer o que nós pediamos, tampouco ía haber para iso. Nós o que queriamos era facer un bo lavado de cara, cunhas reformas puntuais, e seguir cada un no seu sitio. Pero decidiuse isto, fíxose e aí está. A traballar.
-Haberá algunha cousa mal.
-O maior malestar que hai agora mesmo quizais sexa polos pasillos estreitos, que agora que se está traballando vese que quedan un pouquiño escasos. Pero tamén hai que recoñecer que hai pendente unha segunda fase, e que parte da xente que está agora no peixe irá para esa zona e entón xa quedaría máis amplo. Pero xa veremos, porque aínda non sabemos o que se vai facer. Ese era o pensamento de Rosa (Abuín), a anterior concelleira, que quería que en todas as zonas da praza houbera de todo, pero agora non sabemos como se vai facer.
-Outro dos temas pendentes é o aparcamento.
-O tema do aparcamento, a idea inicial era facer un soterrado. Nós cremos que sería bastante custoso, porque o mar chega aí. O ideal sería facer un aparcamento en altura, que é o que estaba plantexado na segunda fase. Onde están agora as verduras elimínase e a idea sería facer aí un aparcamento de dúas ou tres plantas como en calquera outro centro comercial, que se vas mercar á praza tes unhas vantaxes. Pero esa era a idea. Esperemos que se faga así, porque por moito que adecentes a praza, se non tes onde deixar o coche, non fas nada. Hai tamén un proxecto de reforma no Porto que podería crear bastantes prazas de aparcamento, pero a ver.
-¿Que saben da segunda fase?
-A segunda fase prometeuse, díxosenos que se ía tratar de que unha parte de Luz Salgada se invertera na praza, pero tampouco hai nada fixo de momento.
-Acaban de pasar un ano difícil.
-Este ano último foi difícil para a maioría, pero dentro desas dificultades houbo xente que o pasou peor que outra. Os que foron para arriba foron os que peor o pasaron. Nós queriamos un lavado de cara, pero despois dicían que había que suprimir as barreiras arquitectónicas, que se Patrimonio non deixaba facer non sei que. Foi un ano duro, aínda que a empresa foi bastante curiosa e fíxoo bastante ben.
-Houbo problemas para o reparto de postos. ¿Solucionáronse?
-Foi un problema gordo por unha serie de xente que non estaba de acordo con como se fixeron as cousas. Fíxose un sorteo para repartir os postos e en principio penso que o problema está resolto.