Dous títulos e dous bronces máis para o Olimpic

vilagarcía / la voz

AROUSA

Disque o de gañar é unha desas cousas que nunca cansan a ninguén. E no ximnasio Olimpic de Vilagarcía éxitos é o que nunca faltan, con cada nova xeración de taekuondistas arousáns ameazando con superar os seus predecesores.

Este é o caso dos catro loitadores cos que o equipo vilagarcián participou o pasado sábado na localidade luguesa de Vilalba no Campionato Galego Júnior. O balance, outros tantos podios, con dous títulos autonómicos incluídos.

Felipe Barcala Santos colgouse o ouro na categoría de menos de 78 quilogramos -peso semipesado-. O mesmo metal co conquistado pola súa compañeira de club e irmá Paula Barcala Santos no cadro de competición de menos de 63 quilogramos feminino -peso medio-.

Ademais, os tamén arousáns Iván Meléndez Serantes, en menos de 51 quilos -galo- e Jorge Argibay Diéguez en menos de 63 -superlixeiro- fixéronse coa medalla de bronce na cita de Vilalba.

Noutra orde de cousas, o vilagarcián Raúl Bouzas e a caldense Lúa Piñeiro, os dous referentes do Olimpic, competirán esta fin de semana no Open Internacional de París de pesos olímpicos.