Das rapazas de Meloxo ao sol de Cortegada

La Voz

AROUSA

Cela tamén lles pedíu aos carteiros que recollesen as cantigas que atopasen nos seus lugares de traballo. Así o fixeron algúns, e grazas a iso contamos con algún testemuño dos cantos populares das vilas arousás. A Pandeirada do Grove é bo exemplo disto. Di así: Somos mecos do Grove/ non o podemos negar/ todo o mundo nos conoce/ polo modo de cantar./ No Grove hai viño e patacas/ tamén hai barcos xeiteiros/ as mellores rapaciñas/ e os mellores mariñeiros./ Pasei un día no Grove/ e non o podo olvidar/ non hai rico nin hai pobre/ que non sepa pandeirar.

En Meloxo recolleuse estoutra copla: Cando ando a enemorar/ solo me hinchan o ollo/ as rapazas de Meloxo/ en toda a beira do mar.

Sen saír da península meca, en San Vicente transcribíuse unha cantiga moi coñecida á que non resultará difícil poñerlle música: Sálvora, ai San Vicente/ terra de moi boa xente/ Sálvora boca da ría/ pras nenas bonitas en Villagarcía.

Na capital arousá tamén hai cantaríns, sobre todo, di a tradición, en Vilaxoán. Así que tamén aquí se recompilou algunha das cantigas que figuran neste traballo. Fuches a Vilagarcía/ fuches e non viches nada/ non viches bailar o sol/ na isla de Cortegada./ Somos de Vilagarcía/ non o podemos negar/ na cara se nos coñece/ polos airiños do mar.

Como se pode ver, a maioría das copliñas que se cantaban nas localidades arousás, como ocorría, por certo, no resto de Galicia, exaltaban as bondades deses lugares ou dos seus habitantes. Hainas, tamén, que ademais de facer iso, tratan de ridiculizar ou de minusvalorar á xente dos pobos veciños, aínda que este non é o caso de ningunha das recollidas no Grove ou en Vilagarcía.

Non figura para a comarca ningún refrán, pezas que si foron recollidas a través deste traballo noutras localidades de Galicia e que tamén adoitan enxalzar as cualidades propias e rebaixar as do veciño.